O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou na Gala de Clausura do Programa Escolas Abertas, celebrada onte en Ribadavia e na que, entre outros, tamén estiveron o alcalde, César Fernández, e a concelleira de Cultura, Yolanda Gómez. Nela os participantes dos obradoiros de especialización de baile tradicional galego, canto popular e pandeireta, gaita tradicional, percusión ou confección do traxe tradicional galego, impartidos nesta iniciativa amosaron o aprendido entre o 4 e o 15 de xullo.
Este evento tamén contou coa actuación de Fransy González e Davide Salvado e nel o secretario xeral da Emigración eloxiou o traballo realizado polos participantes -mestres nos centros galegos do exterior- e formadores de Escolas Abertas. Ademais, destacou a importancia deste programa para a promoción e preservación da cultura galega, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. “A entrega e a paixón que estes participantes amosan pola nosa cultura é un claro exemplo de como se pode manter viva a esencia galega en calquera parte do mundo”, afirmou.
Os asistentes á Gala tamén tiveron a oportunidade de desfrutar dun desfile cos traxes tradicionais confeccionados durante os obradoiros e serviron para resaltar a diversidade e a riqueza da cultura galega, promovendo a súa transmisión de xeración en xeración.
O programa Escolas Abertas continúa o seu labor de formación especializada para as entidades galegas do exterior, fortalecendo os vínculos culturais entre Galicia e as súas comunidades dispersas polo mundo. A Gala de Clausura en Ribadavia reafirmou o compromiso e a dedicación dos seus participantes, garantindo a preservación da cultura galega máis alá das fronteiras de Galicia.