Luis Menor cualifica os dous anos de Goberno provincial como “o mandato dos fitos históricos”, por contía dos orzamentos, financiación directa aos concellos, récord en fondos europeos, nova política social ou innovación en termalismo

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

 Neste 2025 aprobáronse 105,1 millóns de euros de orzamento (14 M€ máis con respecto a 2023); o Plan CooperOU, con 18 M€,  integrouse na súa totalidade nos presupostos; e a financiación directa ás entidades locais foi de récord: 63,6 millóns

No que vai de mandato, o Goberno provincial mobilizou preto de 3,2 M€ nunha nova política de subvencións “para adaptarse ás novas esixencias da sociedade”

Durante este mandato, o Goberno provincial participou en máis de 2.800 actividades, das que ao redor de 1.000 foron da presidencia e o resto corresponderon a deputados, asesores ou directores de área

Ourense, 15 de xullo de 2025.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, cualificou os dous anos transcorridos de Goberno provincial como “o mandato dos fitos históricos”, por contía dos orzamentos, financiación directa aos concellos, récord en fondos europeos, nova política social ou pola innovación nos programas de termalismo, entre outros aspectos destacados.

Luis Menor, acompañado polos membros do seu equipo de goberno, celebrou o segundo aniversario do mandato na Deputación nun escenario con mensaxe incluído: o mosteiro de Santo Estevo de Ribas, “unha meditada elección para expresar a nosa absoluta confianza no éxito da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco”.

O primeiro dos fitos históricos aos que se referiu o presidente provincial xira en torno ao financiamento, xa que neste 2025 superáronse por primeira vez os 100 millóns de euros de orzamento (14 M€ máis con respecto a 2023); o Plan CooperOU integrouse na súa totalidade, 18 millóns, nos presupostos; e a financiación directa ás entidades locais foi de récord: 63,6 millóns.

O mantemento da rede de estradas provinciais, con 16 M€, a débeda cero e a liquidación do debido a Meisa, coa achega de 1,5 millóns, foron outros aspectos destacados neste capítulo e que exemplifican, dixo Luis Menor, o “compromiso co municipalismo” fronte á activación das regras fiscais que impedirán á Deputación dispoñer dos 16,2 millóns que recibirá en concepto de participación nos tributos do Estado.

Política de subvencións

No que vai de mandato, o Goberno provincial mobilizou preto de 3,2 M€ nunha nova política de subvencións “para adaptarse ás esixencias da sociedade, abrindo liñas de axudas, aumentando as contías ou actualizando os criterios de repartición”. Só neste ano puxéronse en marcha ou vanse convocar 812.000 € en axudas e refórzanse outras con 320.000 €, ademais dos 425.000 € habilitados en 2024 para catro novas liñas. A todo isto engadirase o Plan provincial de Vivenda, con 500.000 €.

Fondos europeos

Luis Menor subliñou que para o “intensísimo labor” do Goberno provincial desde mediados de 2023 cumpría aumentar os recursos dispoñibles coa captación de fondos europeos. Así, a Deputación logrou financiamento europeo por importe de 18,4 millóns de euros, dos que a maior contía corresponde ao Perte para a dixitalización do ciclo da auga, con 7,75 M€ ou os 4 M€ obtidos para a modernización dixital da administración.

Con todo, a Deputación aspira a captar outros 12,7 millóns de euros. Doce millóns son de senllas candidaturas aos fondos FEDER (seis millóns cada unha) para os plans de actuación integrados de Valdeorras e Ourense Sur, para a mellora medioambiental, económica e social destes territorios.

Colaboración coas administracións

Ademais de destacar a cooperación transfronteiriza con Portugal, con especial incidencia na reserva da Biosfera Gêres-Xurés, o presidente incidiu en que a Deputación de Ourense “é a administración provincial galega que máis acordos ten co Goberno de Galicia”: case 15,5 M€ comprometidos en achegas a proxectos conxuntos como o Plan de Regadío da Limia; a loita contra os lumes forestais; o reforzo da atención aos maiores; e o parque acuático de Monterrei, sen esquecer a liña de colaboración aberta coa Deputación de Pontevedra para proxectos de eficiencia enerxética.

Empresas e formación

Xunto coa aposta polas novas ferramentas tecnolóxicas “que facilitan o contacto dos concellos e a atención á cidadanía”, Menor subliñou que nestes dous anos “puxemos o foco nas empresas, autónomos e emprendedores”. Citou así a colaboración coa CEO para dar continuidade ao programa ExportOU, no que a Deputación aumentou a súa dotación ata os 80.000 euros; o programa AcelerOU que axudou a 148 empresas á súa transformación dixital; ou o financiamento do 40% do custo do estacionamento seguro inaugurado no polígono de San Cibrao das Viñas, en colaboración coa Xunta de Galicia (500.000 € en total).

Lembrou tamén o apoio a novas iniciativas en materia de formación, “investindo en talento”, como a primeira Feira de Educación ou a primeira promoción de FP Dual do ciclo superior de Formación para a Mobilidade Segura e Sostible.

Política Social

“Iniciamos o mandato cunha estratexia de apertura e proximidade as entidades do terceiro sector”, explicou Luis Menor, cun protocolo máis áxil de escoita e atención aos colectivos sociais. Destaca tamén o aumento de recursos para o Servizo de Axuda no Fogar (ata 1.450.000 € ou o programa ChegOU, “máis social que nunca atendendo ás discapacidades ou ás familias numerosas dos solicitantes”; e a Teleasistencia, que a final de ano alcanzará os 3.000 usuarios. En Igualdade, a Deputación mantén no tempo a celebración do Día da Muller co programa “8M, mes a mes”, no que se recoñece as vidas profesionais das mulleres en calquera ámbito laboral.

Medio Ambiente

Comprometidos coa “busca de solucións positivas para o medio ambiente e desde o punto de vista económico”, a Deputación centra os seus esforzos na xestión dos residuos, promovendo o uso dos puntos limpos e da compostaxe ou proxectos do ciclo da auga, participando a través do Consorcio de Augas de Valdeorras en iniciativas como Ruagua, na EDAR da Rúa, para a rexeneración de auga destinada a usos non domésticos.

Termalismo

Luis Menor defendeu o termalismo como “un dos principais motores económicos e sociais da provincia, tanto desde as perspectivas social, de benestar, saúde e turística”. Puxo en valor a posta en marcha de plans innovadores como o programa de respiro para os afectados pola DANA de Valencia; a loita contra a soidade non desexada; os nómades dixitais; os programas para lesionados medulares e persoas que sufrirán accidentes cardiovasculares; as terapias para patoloxías concretas; ou a apertura da primeira oficina termal AVE de España na estación intermodal.

Fixo ademais un apunte nacional, xa que a Rede de Vilas Termais da FEMP experimentou un significado impulso grazas á presidencia desta sección, que ostenta a Deputación de Ourense.

Turismo

O presidente subliñou que no ámbito turístico a prioridade foi desde un primeiro momento “explotar os factores que nos fan diferentes e converternos nun destino de calidade, de experiencias apacibles, sen masificacións e desestacionalizadas”.

Aquí citou as campañas sobre termalismo e a Vía da Prata presentadas en Fitur, especialmente esta última mobilizando a máis de 300 persoas nas saídas por etapas desde o inicio da provincia ou desde a capital. As catro rutas en ecobarco recen estreadas e os máis de 100 servizos turísticos que acreditaron a súa calidade foron outros dos aspectos destacados por Luis Menor, que tamén se referiu ao AVE como vantaxe “aínda que as decisións políticas inxustas nos deixen sen frecuencias na Gudiña”.

Deporte e cultura

Se ao comezo do mandato destináronse case 5 M€ á mellora de infraestruturas deportivas, algúns proxectos cofinanciados pola Xunta de Galicia, o eixo da política deportiva foi a base, coa segunda edición este ano do programa de Fomento Deportivo con case 3.000 rapaces de toda a provincia participando nesta edición nalgunha das disciplinas.

Ademais da captación de talento grazas á bolsa “Motor futuro” tamén destaca o impulso á provincia como escaparate de eventos deportivos nacionais, cun orzamento de 800.000 € para competicións en baloncesto, fútbol ou ciclismo, e 200.000 € máis para as 20 modalidades das Copas Deputación.

E no ámbito cultural compre citar a 30ª edición do Ourense Film Festival (OUFF), que inicia unha nova etapa con novo equipo de dirección, así como as 2.000 actividades que acolleu o Centro Cultural Marcos Valcárcel ou os preto de 200 espectáculos no Teatro Principal.

Presenza no territorio

Toda esta actividade, advertiu Luis Menor, “non sería posible sen pisar o territorio”, de aí a visita oficial ao 70 % dos concellos, as axendas de traballo periódicas en Valdeorras, ou a participación en preto de 2.800 actividades, das que ao redor de 1.000 foron da presidencia e o resto corresponderon a deputados, asesores ou directores de área.

Diálogo e consenso

O presidente tamén quixo valorar “a política de diálogo e busca de consenso” con todos os grupos políticos da Corporación. Así, das 86 mocións presentadas por todos os grupos desde o inicio do mandato, case o 30 % foron aprobadas por unanimidade e 4 presentadas de modo conxunto (pacto do Pedre sobre a N-541; respaldo a traballadores Ilunion; xestión pública e directa do CAPD; estación da Gudiña).

Ruta de traballo para o próximo período

Na ruta de traballo para o próximo período, Luis Menor asegurou que o Plan CooperOU seguirá crecendo, “pois mantense intacto o compromiso de alcanzar os 20 M€ ao remate do mandato”, e que inclúe máis fitos históricos “como a aprobación das modificacións de crédito de outubro de 2023 e abril de 2025 sen ningún voto en contra”.

Asegurou que continuará a liña de colaboración coa Xunta de Galicia, maior cooperación transfronteiriza e optar a máis fondos europeos, “asumindo novos compromisos na medida das nosas posibilidades”.

O uso da Intelixencia Artificial, engadiu, contribuirá a que a Deputación, os concellos e á veciñanza accedan á prestación de servizos as 24 horas do día en calquera momento do ano.

Vai ser obxectivo deste Goberno provincial seguir aumentando o apoio ás entidades sociais, así como o apoio á internacionalización e a competitividade empresarial. Anunciou o próximo lanzamento dunha nova convocatoria do programa EmprendOU en Feminino, que apoiará iniciativas impulsadas por mulleres en zonas rurais da provincia.

Desvelou o presidente que podería exportarse a outras comarcas da provincia o modelo de xestión do ciclo da auga que rixe no Consorcio de Augas de Valdeorras, unha organización que permite dar respostas á comarca fronte aos retos actuais e futuros da xestión da auga.

Apostou por consolidar “o noso propio modelo de termalismo”, sinalando que seguirase a facilitar con programas innovadores o acceso da poboación ao coidado da saúde física e mental, promovendo ao mesmo tempo a “saúde” do territorio grazas á dinamización que xeran os balnearios na súa contorna.

En materia turística puxo o foco na Ribeira Sacra, “que como así todos esperamos será en 2026 Patrimonio Mundial”, referíndose ademais á estación de Montaña de Manzaneda e o seu futuro plan estratéxico, encamiñado cara un forte peso do ámbito deportivo, capítulo no que a Deputación dará un paso máis abrindo unha liña de formación de deportistas, fundamental para coidar a base e buscar novos talentos.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------