Iago Tabarés denuncia a grave situación de inseguridade vial na parroquia de Mourillós e avanza inciativas no Parlamento de Galiza para demandar da Xunta un paso seguro entre O Val e a Devesa.
Ernesta Seoane avanza iniciativas no concello de Celanova e unha campaña de recollida de sinaturas para esixir da Xunta un paso seguro para a veciñanza tal como había
Celanova, 15 de xullo de 2025 . O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Parlamento de Galiza, Iago Tabarés e a concelleira do BNG de Celanova, Ernesta Seoane, mantiveron na xornada de onte unha reunión coa veciñanza da parroquia de Mourillós do concello de Celanova, afectada polas consecuencias da construción do enlace da autovía AG-31 que deixou dividida a parroquia e á veciñanza e sen os pasos seguros de comunicación, existentes até a construción desta infraestrutura.
Durante a visita, Tabarés recolleu as denuncias dos veciños e veciñas, que manifestaron estar divididos pola infraestrutura, sen unha alternativa segura para cruzar entre as dúas beiras da parroquia. A veciñanza ven reclamando a restauración dun paso entre O Val e o resto da Parroquia desde fai máis dunha década.
A única opción existente na actualidade para pasar dun lado a outro é atravesando unha rotonda no enlace da autovía, o que supón un punto de perigo constante para crianzas, persoas maiores e para veciñanza en xeral. Antes existían tres pasos e despois da obras quedaron sen ningún tipo de comunicación, salvo atravesando esta rotonda no enlace da autovía.
Desde o BNG comprometéronse coa veciñanza a levar este problema ao Parlamento Galego e ao Concello para esixir á Xunta de Galiza a reconexión entre o lugar do Val e o resto de lugares da parroquia de Mourillós, coa conexión dun paso entre O Val e a Devesa.