A ‘XVII Festa da Palabra’ rende homenaxe a Castelao o vindeiro sábado na Ínsua dos Poetas

Unha homenaxe a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, no 75º cabo de ano do seu pasamento en Bós Aires, e a entrega de galardóns ás entidades e persoeiros destacados na defensa da lingua e a cultura galegas centran o programa da que será, na mañá do vindeiro sábado, a ‘XVII Festa da Palabra’, que terá lugar na Ínsua dos Poetas, situada na parroquia carballiñesa de Madarnás e no límite co municipio do Irixo.

Este evento de exaltación da cultura de Galicia foi presentado hoxe na Casa do Concello do Carballiño, coa presenza do alcalde en funcións, José Castro-Gil; o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e o presidente da Fundación Ínsua dos Poetas, Luís González Tosar, que estivo acompañado polos escultores Antón Pulido e Acisclo Manzano e outros integrantes do padroado desta entidade, coma é o caso do médico e escritor Celso Sánchez.

Luís Tosar subliñou que “este sábado, a Ínsua dos Poetas converterase no epicentro da provincia de Ourense en honrar a figura de Castelao, cun programa no que destacan os permios da Fundación, que consisten nunha estatuíña orixinal e única de Acisclo que lles será entregada aos sete galardoados”. Asemade, salientou que “imos facer unha aportación singular, o rescate dos textos de Eduardo Blanco Amor de 1950 que lle foron encargados en homenaxe a Castelao, e que se recollen nun libro de Editorial Galaxia que se porá o sábado á venda por un prezo simbólico”.

Unha homenaxe que será simbolizada nunha escultura, feita en ferro e pedra, de Antón Pulido, nomeada “A porta de Castelao”, que o propio autor cualificou coma “un monumento que é unha metáfora da busca da identidade de Galicia con Castelao como guía”. Un conxunto escultórico que será descuberto o propio sábado durante o desenvolvemento das actividades.

Pola súa banda, Celso Sánchez avanzou o listado das persoas e entidades que serán premiadas nesta 17ª edición da ‘Festa da Palabra’, que encabezan o novelista César Lorenzo no eido literario e a xornalista María Xosé Porteiro no apartado de medios de comunicación, ademais da Editorial Galaxia no seu medio século na defensa da lingua galega. Tamén recollerán galardóns os representantes do Cine Club Padre Feijóo (audiovisual en galego), a Irmandade da Sanidade Galega (defensa do galego) e do CEIP Curros Enríquez de Celanova (protección da natureza), ademais de Ramón Aguiño, fundador do Centro Gallego de Comodoro Rivadavia na Arxentina.

A festa da cultura galega rematará cun xantar de confraternidade, no que no faltará o ‘pulpo á feira’ do Carballiño e o viño do Ribeiro, e contará coa asistencia, xa confirmada, de Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, e Anxo M. Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta, entre outras autoridades.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------