O II Salón de Vehículos Clásicos, que se celebrará en Expourense entre o 6 e o 7 de abril, convoca o I Certame de Elegancia animando a participar nel os propietarios de clásicos de toda a península. Os vehículos participantes deberán estar matriculados antes de 1994 (incluído). A inscrición é gratuíta e pódese realizar a través da web do evento www.salondelvehiculoclasico.com. O prazo xa está aberto e remata o 20 de marzo.
Coas inscricións recibidas realizarase unha selección de 15 vehículos finalistas, cuxas fotos e fichas técnicas se publicarán na conta de Instagram @salonvehiculoclasico para que os seguidores poidan votar ao seu favorito, sendo o gañador o que máis votos teña. Estes 15 coches seleccionados tamén estarán expostos na Mostra para que o público poida admiralos fisicamente.
Tamén haberá outro premio outorgado por un xurado de expertos do sector que valorará o estado de conservación, restauración, presentación e singularidade do vehículo. A entrega de premios está prevista para o domingo 7 de abril ás 13.00 horas.