A Deputación de Ourense liderará a nivel nacional o desenvolvemento de modelos de Destino Turístico Intelixente nos ámbitos termal e do enoturismo

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A vicepresidenta primeira, Marta Novoa, e o presidente de SEGITTUR, Enrique Martínez, analizaron hoxe no Pazo Provincial o liderado destes traballos, que potenciarán dous ámbitos singulares da provincia ourensá.

A encarga enmárcase no proxecto “Ourense, preto de ti”, que conta cunha subvención de máis de 1,3 millóns de euros, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado polos fondos Next Generation, sendo a Deputación ourensá a única administración provincial de Galicia en obter esta achega para fomentar o turismo intelixente

Ourense, 18 de xullo de 2025.

A Deputación de Ourense liderará a nivel nacional o desenvolvemento de modelos de Destino Turístico Intelixente nos ámbitos do termalismo e do enoturismo, como recoñecemento ao potencial termal da provincia e da forte pegada que a viticultura ten no territorio con catro denominacións de orixe.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Un traballo que se enmarca no proxecto “Ourense, preto de ti”, que conta cunha subvención de máis de 1,3 millóns de euros, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado polos fondos Next Generation, sendo a Deputación ourensá a única administración provincial de Galicia en obter esta achega para fomentar o turismo intelixente.

A encarga á institución provincial abordouse esta mañá na reunión que mantiveron no Pazo Provincial a vicepresidenta primeira, Marta Novoa, e o presidente da Sociedade Mercantil para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (SEGITTUR), Enrique Martínez, acompañados polo director da Área de Transparencia e Goberno Aberto, Marcos Valiño.

Marta Novoa expresou a vontade da Deputación por liderar estes dous ámbitos de traballo, destacando “o noso interese en desenvolver estes proxectos, en tanto supón aproveitar as novas comunicacións de altas prestacións, como o AVE, e as novas tecnoloxías de forma intelixente para potenciar a promoción dos nosos recursos”.

Pola súa banda, Enrique Martínez transmitiu a “positiva valoración” sobre o proxecto “Ourense, preto de ti”, así como o interese no papel que vai xogar Ourense no liderado dos casos de uso -termal e enoturismo- que se estenderán ao resto dos territorios de España onde se desenvolve o plan de Destino Turístico Intelixente.

Entre os obxectivo que se marca a Deputación de Ourense, ademais dos eidos xa citados, figura a integración da súa plataforma de turismo intelixente na Plataforma Intelixente de Destino de SEGITTUR, ademais dun servizo de asistencia dixital personalizada ao turista en múltiples idiomas e o incremento da accesibilidade dixital aos recursos turísticos, entre eles os museos.

Neste contexto potenciarase como outra ferramenta de apoio a Oficina Virtual de Atención ao Cidadán (OUVAC), que facilita o contacto cos cidadáns dende diferentes canles de comunicación, tendo en previsión a creación dun área técnica de xestión e mantemento destes novos servizos.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------