O delegado territorial da Xunta anunciou en Gomesende a resolución das axudas do Plan Camiña Rural 2025-2026
- O delegado territorial da Xunta explicou que o Plan Camiña Rural persegue a mellora de infraestruturas co gallo de xerar cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e de traballo no medio rural
- Estas axudas financiarán as actuacións de ampliación de camiños para mellorar a seguridade viaria, o reforzo do firme existente, a adecuación de pasos fluviais e o mantemento das marxes
Ourense, 18 de xullo de 2025. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá o concello de Gomesende para manter un encontro coa súa alcaldesa, Pura Rodríguez, coñecer de primeira man as necesidades do municipio e repasar vías de colaboración entre ámbalas dúas administracións.
O delegado territorial da Xunta aproveitou a súa estadía en Gomesende para lembrar a resolución, publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado día 2 de xullo, das axudas do Plan Camiña Rural 2025-2026, que resolveu unha asignación de preto de 42.000€ para este Concello.
Manuel Pardo destacou que estas achegas, convocadas pola Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, destina preto de 4,3M€ en 88 concellos da provincia de Ourense. Neste sentido detallou que serán 167 actuacións cunha lonxitude de vías a mellorar de 135,23 quilómetros.
O representante do Goberno galego explicou que o Plan de mellora de camiños rurais persegue mellorar camiños de acceso a parcelas agrícolas co gallo de xerar cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e de traballo no medio rural. Así, os camiños rurais facilitan a accesibilidade e vertebración do territorio, reforzan o tecido social e contribúen a mellorar a capacidade organizativa das áreas rurais, dinamizan o tecido produtivo e fixan poboación.
Estas axudas financian nun 100 % os gastos subvencionables. Deste xeito, nas actuacións subvencionables inclúense a ampliación de camiños para mellorar a seguridade viaria, o reforzo do firme existente, a adecuación de pasos fluviais e o mantemento das marxes. Estas melloras, recalcou Manuel Pardo, resultan fundamentais para facilitar a accesibilidade no medio rural, vertebrar o territorio e contribuír á fixación de poboación, reforzando así as condicións de vida e traballo nestas zonas.
Plan Camiña Rural
Manuel Pardo fixo fincapé que desde o ano 2016, a Xunta de Galicia leva investidos máis de 167 millóns de euros neste tipo de actuacións, o que permitiu actuar en 6.042 camiños municipais, cunha lonxitude total de 4.744 quilómetros mellorados. O Plan Camiña Rural, anteriormente coñecido como Plan Marco, convócase de forma ininterrompida desde 2013 e consolidouse como unha ferramenta esencial para o desenvolvemento sostible do rural galego.
Tamén subliñou que, respecto á convocatoria anterior, este novo plan supón un incremento tanto no número de intervencións como na lonxitude de vías melloradas, pasando de 583 a 626 actuacións, e de 460 a preto de 513 quilómetros.