A ‘I Carreira do Pulpo’ congregou a atletas locais e foráneos na tarde do sábado

A Praza da Veracruz foi o punto de referencia de saída e meta da “I Carreira Popular do Pulpo”, que se celebrou na tardiña do pasado sábado, organizada polo Concello do Carballiño dentro do programa de actividades previo á cita festiva e gastronómica do domingo 10 de agosto. Unha excelente oportunidade que tiveron os participantes para divertirse facendo deporte e, de paso, desfrutar dunha xornada de confraternidade.

Ademais, a organización tiña reservado, ademais do percorrido de 10 quilómetros pola contorna do Parque Municipal, outro para a cativada, de 2 quilómetros, cun itinerario máis axeitado polas rúas do casco urbano da vila. O concelleiro de Deportes, José Castro-Gil, salientou a alta participación rexistrada nesta primeira edición, que convocou a atletas de tódalas idades de toda a comarca e da propia cidade de Ourense.

Ao remate da proba houbo un sorteo de agasallos promovido polas entidades patrocinadoras da competición, que foi complementada na mesma Praza da Veracruz coas actuacións do cantautor Cervan e do grupo Sueños de Ítaca, un concerto que se enmarca no ciclo ‘Feito no Carballiño’, co que se tenta a promoción e difusión dos artistas musicais da propia vila do Arenteiro.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------