A parroquia de Señorín recuperou con éxito a súas festas patronais e organizou unha cea de confraternidade

A parroquia carballiñesa de Señorín celebrou esta pasada fin de semana as súas festas na honra da Virxe do Carme, cun amplo programa de actos de homenaxe á patrona e de actividades lúdicas e de lecer. O punto de arranque tivo lugar o sábado día 19, no novo campo da festa, ubicado nas inmediacións do local da asociación de veciños e do IES Nº1, coa apertura do bar da comisión e unha sesión de animación musical a cargo do DJ Tibu. Na mesma zona instalouse un xogo de inchables para a cativada.

E nesa mesma noite, organizouse a primeira edición da ‘Cea de veciñ@s e amig@s de Señorín’, que superou tódalas expectativas de asistencia, xa que foron máis de 500 os comensais que se reuniron dende as 22,00 horas para degustar un exquisito menú composto de empanada, lacón asado, churrasco mixto con ensalada, postre e bebidas, todo elo amenizado polo DJ Tibu. A xornada rematou á medianoite cunha verbena a cargo do Trío Soprano.

A mañá do domingo amenceu cunha alborada do grupo Os Serandeiros percorrendo as rúas e prazas de Señorín, e a igrexa parroquial acolleu unha misa solemne cantada pola Coral Polifónica do Casino do Carballiño, seguida da procesión coa Virxe do Carme. A charanga Xuntanza tivo ao seu cargo a animación no bar da comisión antes da hora do xantar. Xa pola noite, o Trío Xtra abríu o baile dende as 22,30 horas, nunha velada na que tamén tivo protagonismo a Orquestra Principal.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------