A MIT de Ribadavia supera o seu ‘ecuador’ co aforo completo na meirande parte dos espectáculos

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) vive estes días unha das edicións máis concorridas dos últimos anos, pendurando o cartel de “completo” na maioría das funcións e mantendo unha afluencia notable de público mesmo nas xornadas marcadas pola chuvia. Desde a inauguración oficial o pasado venres cun acto multitudinario na Igrexa da Madalena —na que se entregou o Premio de Honra da MIT ao exdirector Roberto Pascual ante un espazo ateigado, con persoas de pé e mesmo nas portas—, a resposta do público está a ser excepcional.

A choiva do sábado e do domingo obrigou a reprogramar parte das actividades, incluíndo a cancelación da función prevista no Auditorio do Castelo na noite do sábado 19. Con todo, as entradas para “La Cultura” de Los Torreznos na Igrexa da Madalena esgotáronse —cun cento de billetes vendidos— e “Escambo”, en San Cristovo, tamén encheu por completo. O domingo 20, “Bipdestrucción” de Disidencia acadou un 90% do aforo na Casa da Cultura, mentres que “Non pasarán”, de Ártika, congregou a máis de 540 persoas no Castelo dos Condes. Tamén se celebrou con éxito a Mostra Aberta de Residencia Artística de Marta Azparren e Natalia Fernandes, que volveu encher a Igrexa da Madalena.

O ritmo non decaeu este luns, día laborable para moitas persoas. A MIT rexistrou preto de 1.000 asistentes entre os espectáculos en espazos pechados e actividades ao aire libre, mantendo a intensidade e o interese do público pola programación. A xornada comezara á 13,00 coa conversa arredor de “A derradeira leición” da man da compañía Chévere na Praza de Abastos. Xa ás 16,00, tivo lugar o “Laboratorio, pan, nubes e chocolate” do Colectivo A Volátil no Museo etnolóxico de Ribadavia. Á mesma hora coincidía tamén o Obradoiro “Os Passadores” con Patrícia Portela no Club Artístico e, tamén, o Obradoiro de máscara neutra con Mar Navarro na Casa da Cultura. Xa ás 20,00 tivo lugar a obra “Castelao, un corazón á inerperie” con Fantoches Baj na Franqueirán e unha hora máis tarde, ás 21,00, foi a quenda de “Las magias (site specific)” de Teresa Lorenzo na Veronza. A xornada pechouse coa representación de “Sobre o extravío ou a arte de perderse” da compañía Furia Sotelo no Auditorio do Castelo, ás 23,00 horas.

Neste “ecuador” da MIT, a súa directora, Sabela Mendoza, amósase “moi satisfeita en xeral e, sobre todo, pola resposta a nivel de públicos. Estamos a ter unha acollida moi agarimosa por parte do público e con comentarios moi bos”. Dende a dirección, valoran o inicio “forte na inauguración cun acto que gustou moito” e tamén a aposta da primeira fin de semana “con pezas que apostaban polo ton humorístico o que cremos que foi o arranque ideal para a MIT, xa que dalgunha maneira contribuíu a conformar unha complicidade entre o público e esta nova aposta e propostas que facemos dende a nova Dirección da Mostra”. En canto á asistencia, a valoración é “moi positiva. Mesmo cando nos vimos obrigadas a cancelar o sábado por mor da chuvia, tivemos unha responsta de moito apoio a nós, á Compañía e unha gran empatía e comprensión. Ademais, estamos moi contentas de que nestes primeiros días da MIT teñan pasado por Ribadavia compañías do talle de Cris Blanco ou Los Torreznos, para quen era a súa primeira vez na Mostra deixando pegada nela e que son referentes a nivel estatal”.

A programación continúa este martes cun obradoiro de máscara neutra da man de Mar Navarro na Casa da Cultura, que se desenvolve pola mañá. Xa pola tarde, o Museo Etnolóxico de Ribadavia acolle a actividade “Laboratorio, pan, nubes e chocolate” do Colectivo A Volátil, con prazas esgotadas mediante inscrición previa. Ás 20,00 horas, o Club Artístico será o escenario da peza “Anfibia”, da compañía La Guajira, mentres que unha hora máis tarde a rúa de Francelos acollerá a función “Sen Patrón”, de Pistacatro. A xornada pecharase no Auditorio Rubén García do Castelo co espectáculo “OVVIO”, de Kolektiv Lapso Cirk, programado para as 23,00 horas.

A actividade prosegue mañá, mércores 23, cunha nova sesión do obradoiro de máscara neutra ás 10,00 horas, de novo a cargo de Mar Navarro. Xa pola tarde, o Museo Etnolóxico volverá ser escenario da proposta participativa “Laboratorio, pan, nubes e chocolate”. Ás 20,00 horas, a compañía portuguesa Patrícia Portela presentará “Os passadores” na rúa de San Paio, e ás 21,00 o público poderá asistir á función “Pan, nubes e chocolate”, tamén do Colectivo A Volátil, no mesmo Museo. A xornada rematará ás 23,00 horas co espectáculo “Reconversión”, da compañía galega Ibuprofeno Teatro, que se representará no Auditorio Rubén García do Castelo.

A MIT 2025 consolídase así como un dos grandes encontros escénicos do verán galego, demostrando que nin a chuvia pode frear o teatro cando hai un público entregado e unha programación comprometida coa calidade e a diversidade.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------