O Concello do Carballiño, en colaboración coa Secretaría de Emigración, impulsa mañá a primeira edición do Día do Emigrante, unha xornada de celebración e homenaxe a todos os veciños e veciñas que cruzaron o Atlántico en busca dun futuro mellor sen esquecer nunca as súas raíces. O prato forte desta xornada será o concerto da galega eurovisiva, Lucía Pérez, quen fai parada no Carballiño por primeira vez para presentarnos a súa xira “Tanto”, na que mestura as súas cancións co folclore galego.
A artista, natural do Incio (Lugo), convida a poboación a desfrutar do seu concerto, no que se sube ao escenario con sete grandes músicos e unha bailarina. “É un espectáculo dinámico e moi divertido, que está tendo moi boa aceptación do público”, resalta. A actuación, financiada pola Secretaria Xeral de Emigración, arranca ás 23,30 horas, na Praza Maior.
O Día do Emigrante está adicado, nesta primeira edición, a México. Por iso, a xornada arranca mañá pola tarde coa actuación polas rúas de Mariachi Juvenil Mi Tierra, unha agrupación que pon en valor desde Galicia o folclore tradicional mexicano.
Por outra banda, realizarase unha homenaxe oficial ao Centro Galego de México e ao seu apoio da comunidade galega emigrada xusto antes do concerto de Lucía Pérez. O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González; o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; o alcalde en funcións, José Castro, e o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, farán entrega dunha placa de recoñecemento a Alfonso Martínez, actual presidente do Centro Galego de México.