Isa Fernández, gañadora do 20º Premio Abrente de Textos Teatrais da MIT co texto “O miradoiro”

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) viviu hoxe, xoves, unha xornada especialmente intensa marcada pola entrega do 20º Premio Abrente de Textos Teatrais, que este ano recaeu por unanimidade no texto O miradoiro, da autora leonesa Isabel Fernández González (La Valduerna, León, 1993). O xurado, formado por Ana Romaní, Arantza Villar e Sara Rey, destacou da obra premiada “a profundización dos personaxes e a intelixencia dos diálogos como espello das relacións humanas actuais”.

A peza presenta unha conversa íntima entre dúas persoas que reflexionan sobre a súa relación e os seus desencontros, un diálogo que se expande cara a un espazo máis amplo e metafórico, como retrato dunha sociedade cada vez máis individualista. Para o xurado, o texto “salta habilmente do persoal ao colectivo, nun cruce de xuízos críticos que aborda temas de actualidade dende o contraste de posicións, deixando entrever as dificultades de activar a empatía e recordando a importancia da escoita para a vida en comunidade”.

A propia autora, que recolleu o premio na Igrexa da Madalena, define a súa traxectoria e a súa relación co teatro cun ton literario que reflicte a riqueza da súa voz artística: “Son orixinaria dunha pequena aldea leonesa, desas que no verán se enchen de trigo seco e no inverno conxelan o alento. Medrei ao quente do braseiro, escoitando á miña avoa contar historias doutros tempos e xogando a contalas no grupo de teatro da escola rural. Para min, o teatro é encontro”.

“Escribo dende que teño memoria. Poesía, teatro, ensaio e, sobre todo, textos sen xénero. Un bo potaxe, que diría a miña avoa. Sempre buscando o xeito de diluír os límites, gústame tanto ler a Becket como bailar unha boa bachata na verbena. Por iso valoro tanto os proxectos culturais que conectan o teatro e as artes vivas coas vivencias da xente de a pé”.

Instalada en Galicia desde hai oito anos, conta que chegou a un recuncho arzuán onde aprendeu o galego das veciñas e se reencontrou co teatro da man da Gentalha do Pichel e da Escola Espazo Aberto. Actualmente forma parte da compañía ALOMAIS Teatro, creada este mesmo ano, que está a piques de estrear a súa primeira montaxe. Cun sacho como símbolo, a autora e o seu equipo entenden o teatro como “o humilde oficio de sachar o espazo para que a vida poida agromar”.

A xornada deste xoves comezou pola mañá co obradoiro de clown que o actor Roi Borrallas ofreceu no Colexio da Alameda, unha actividade con prazas limitadas que contou cunha excelente acollida. Xa pola tarde, o protagonismo foi para a celebración do 20º aniversario do Premio Abrente na Igrexa da Madalena, onde se puxo en valor a historia dun galardón clave para a dramaturxia galega contemporánea. Alí deuse unha conversa que uniu a membros do histórico Grupo Abrente con autoras e autores premiados nestes vinte anos.

A programación continuou ás 21:00 horas na rúa de Santo André coa peza HIT (out), da compañía italiana Parini Secondo, un proxecto coreográfico e musical no que o salto á corda se utiliza como elemento sonoro e de creación de formas sorprendentes. O peche da xornada chegou ás 23:00 horas no Auditorio ‘Rubén García’ do Castelo, onde o recoñecido colectivo portugués Circolando / CRL – Central Elétrica presentou Crátera, unha peza de gran potencia visual que debulla cuestións ecolóxicas nun plano micro, a partir da relación entre a paisaxe volcánica e as persoas que a habitan, e dando como resultado experiencias de conexión coa terra, con outras formas de linguaxe e lucidez diferentes ás habituais.

Programación do venres 25

A actividade non se detén e mañá, venres 25 de xullo, a Mostra ofrece de novo unha intensa programación. A mañá comezará cunha nova sesión do Obradoiro de clown impartido por Roi Borrallas no Colexio da Alameda, reservado para persoas previamente inscritas. Xa pola tarde, ás 20,00 horas, a compañía galega Ítaca Teatro levará ao Auditorio ‘Manuel María’ da Casa da Cultura a peza Profetas. Con texto de Ernesto Is que fora gañador dun Premio Abrente, o espectáculo presenta unha reflexión escénica sobre cuestións como o compromiso político e artístico a partir da conversa íntima dunha ex parella.

Ás 21,30, a rúa da Alameda volverá acoller unha nova función de HIT (out) das italianas Parini Secondo, mentres que o peche da xornada será ás 23,00 horas no Auditorio ‘Rubén García’ do Castelo, onde a creadora Luz Arcas (Premio Nacional de Danza) e a súa compañía La Phármaco presentarán Tierras raras, unha peza que reúne baile e cante en directo sobre a cortiza terrestre, sobre o exercicio de escarvar e sobre a beleza e a destrución que se esconde por baixo dela.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------