A MIT situou a Ribadavia no epicentro cultural do país apostando pola diversidade artística

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia puxo esta noite o punto final a unha edición que destacou pola súa aposta pola diversidade escénica, a participación da comunidade e a expansión territorial. A derradeira xornada da MIT comezou ás 20,00 horas no Auditorio ‘Manuel María’ da Casa da Cultura, coa posta en escena de Spooky, unha proposta da creadora María Jurado que mestura performance, estética trash e códigos do cine de suspense para construír un espazo teatral onde a incerteza, o humor e a desconstrución do individuo dialogan en tempo real co público.

Nesta peza, dúas intérpretes fabrican ante os ollos do público unha trama fragmentada e feita a man, nun escenario que se transforma en metáfora dun cerebro cheo de imaxes, patróns e crenzas que conforman o que somos. A campá de cristal da nosa identidade aparente ráchase pouco a pouco para revelar, con ironía e tensión, a tortuosidade do noso interior.

O peche da Mostra chegou ás 23:00 horas no Auditorio ‘Rubén García’ do Castelo coa compañía Malpelo, un dos nomes imprescindibles da danza contemporánea en Europa. A súa proposta Bach, interpretada por María Muñoz, ofreceu un estudo profundo da relación entre movemento, respiración, ritmo e musicalidade, a partir dunha selección de preludios e fugas de O clavecín ben temperado de Johann Sebastian Bach.

A peza, que alterna momentos de danza en directo con silencios cheos de memoria corporal, converteuse nunha meditación escénica sobre o tempo, a presenza e a beleza, combinando o rigor técnico coa emoción depurada dun corpo que fala. O diálogo entre a intérprete e a música en directo, presente nesta nova versión do solo, engadiu vitalidade e improvisación a unha obra de enorme potencia sensorial.

Esta última noite puxo fin a oito días de programación nos que a MIT consolidou a súa aposta pola diversidade de linguaxes e o compromiso coa creación contemporánea. Desde que o xoves anterior arrancara a preMIT coa estrea da obra Memoria dun tempo, da compañía local Teatro do Vilar, ata esta noite de sábado, Ribadavia acolleu un total de 23 representacións teatrais e 35 actividades, entre funcións, obradoiros, foros e accións abertas á comunidade.

Por Ribadavia pasaron nestes días compañías e nomes fundamentais da escena galega, estatal e internacional como Los Torreznos, Societat Doctor Alonso, Disiden.cia, Residencias Paraíso, Ártika Cía, Cris Blanco, Chévere, A Volátil, Patrícia Portela, Mari Paula, Mar Navarro, Teresa Lorenzo, Fantoches Baj, Furia Sotelo, La Guajira, Pistacatro, Kolektiv Lapso Cirk, Ibuprofeno Teatro, Roi Borrallas, Parini Secondo, Circolando CRL – Central Eléctrica, Ítaca Teatro, Luz Arcas / La Phármaco, María Jurado e Malpelo.

Pero esta edición da Mostra foi tamén unha celebración do territorio e da comunidade. Non só ocupou os espazos emblemáticos da vila, como o Auditorio do Castelo, a Igrexa da Madalena, a Praza de Abastos ou o Museo Etnolóxico, senón que expandiu o teatro ás parroquias do rural: San Cristovo, A Franqueirán, A Veronza, Francelos, San Paio ou Santo André. Unha clara aposta da nova dirección da MIT, formada por Sabela Mendoza e Gena Baamonde, que puxo no centro a idea de que o teatro debe chegar a todos os recunchos e ser vivido por toda a veciñanza.

Nesta Mostra entregáronse tamén recoñecementos de prestixio como o Premio de Honra da MIT, outorgado ao seu exdirector Roberto Pascual; o Premio da Academia Galega do Teatro, concedido a Xulio Lago; e a 20ª edición do Premio Abrente de Textos Teatrais, que recaeu no texto O miradoiro, da autora leonesa Isabel Fernández González.

Durante máis dunha semana, Ribadavia situouse así no epicentro teatral e cultural do país, cunha programación que apostou pola dramaturxia contemporánea, a danza, o corpo e as artes híbridas. A excelente acollida do público, con aforos completos ou case completos na maioría das funcións, confirma a boa saúde da Mostra e o entusiasmo co que a comunidade volveu abrazar esta cita histórica que, unha vez máis, puxo a vila no mapa teatral galego, estatal e internacional.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------