
As persoas amantes da música teñen nesta tarde de sábado a posibilidade de escoller no Carballiño entre dúas alternativas: un festival polifónico de ritmos latinos e un recital con tendencias afroamericanas, dentro da programación de verán elaborada pola Área de Cultura do Concello.
A primeira cita é no Auditorio Manuel María, ás 20,30 horas, co ‘XXXI Festival de Habaneras’, con entrada libre e gratuíta, e no que participarán as corais coruñesa Souto da Igrexa de Meirás (Sada) e a polifónica pontevedresa de A Cañiza, ademais da sempre presente Rondalla Alfaia de Cenlle e a agrupación anfitriona, o Orfeón do Carballiño, que tamén organiza o evento.
Como xa é tradicional, neste festival réndese homenaxe a unha persoa vencellada ao mundo dos coralistas, e que nesta edición é Carlos Núñez Deza, profesor do Conservatorio Profesional de Música de Ourense e autor da publicación que recolle as partituras do mestre, fundador e exdirector da agrupación carballiñesa, José Luis Reza Cabano. Ademais, a organización salienta o seu papel de promotor de iniciativas musicais para a mocidade, coma é o caso do festival “Ourencanto”, no que participaron o ano pasado máis de 400 coralistas infantís e xuvenís de Ourense e de fóra da provincia.
A segunda cita terá lugar na Praza Maior dende as 21,00 horas, cun concerto de “Soul&Roll”, un dueto acústico integrado por Tamara Pérez e Miguel Araújo e con máis de 10 anos de andaina sobre os escenarios. Ofrecerán cancións de soul, jazz ou godspell, entre outras, dentro do ciclo ‘Feito no Carballiño’ adicado aos cantautores e grupos con orixe na nosa vila.