Un investimento de 41.000 euros permite melloras no ximnasio do colexio público de Ribadavia

O CEIP Plurilingüe de Ribadavia segue avanzando na súa posta a punto grazas ás novas obras de mellora que acaban de iniciarse no seu ximnasio. A intervención, promovida pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, supón un investimento de 40.983,61 euros e foi adxudicada á empresa Sport Equipalia S.L.U., cun prazo de execución dun mes.

A actuación contempla o acondicionamento integral dun espazo fundamental tanto para a actividade física do alumnado como para outros usos comunitarios e educativos. O ximnasio acolle diariamente as clases de educación física do centro e serve tamén como escenario para o programa “Recreos Activos – Patios Dinámicos”, desenvolvido en colaboración co Servizo Municipal de Deportes dentro do Plan Proxecta da Xunta. Ademais, a Consellería concedeu o uso temporal da instalación ao Concello de Ribadavia para que, a partir do mes de setembro, poida albergar as actividades físico-deportivas do Consello Municipal de Deportes mentres se realizan as obras de acondicionamento na planta baixa do Centro Deportivo Municipal O Consello.

A reforma inclúe a instalación dun novo pavimento deportivo Pavigrass de seis milímetros de espesor, así como a marcaxe de pistas para badminton, minibasket e minibalonmán. As paredes do ximnasio serán pintadas de novo e completaranse os traballos coa colocación de equipamentos como taboleiros de minibasket, postes e redes de badminton, proteccións para os postes de volei e novas espalderas.

Esta nova intervención súmase a outras xa realizadas no CEIP Plurilingüe de Ribadavia durante a presente lexislatura, consolidando un compromiso firme coa mellora das infraestruturas educativas no municipio. No verán de 2024, o centro xa fora beneficiario dunha importante actuación incluída no Plan BEN-Estar da Xunta de Galicia, cun investimento de 95.000 euros. Aquela reforma permitiu renovar o pavimento do comedor e da sala de caldeiras, reformar integramente os aseos e vestiarios da planta baixa, instalar un novo sistema de calefacción máis eficiente e construír un baño adaptado, ademais de novos espazos para o persoal do centro e da cociña.

“Con esta nova actuación, reafirmamos o compromiso do Concello de Ribadavia coa mellora continua das infraestruturas educativas. A colaboración entre administracións é clave para garantir espazos seguros, accesibles e de calidade para o noso alumnado. Agradecemos á Consellería de Educación da Xunta de Galicia o seu apoio e investimento neste proxecto. O traballo conxunto permítenos avanzar con paso firme na mellora da calidade educativa en Ribadavia” declara o alcalde de Ribadavia, César Fernández, que visitou onte as obras.

Dende o Concello destacan que estes investimentos, tanto os xa realizados como os que están en marcha, reflicten un modelo de colaboración institucional que permite dotar aos centros educativos de espazos accesibles, eficientes e adaptados ás necesidades do alumnado, do profesorado e da veciñanza. A aposta pola calidade da educación pública pasa, tamén, por contar con instalacións modernas e versátiles que promovan o benestar físico e emocional das nenas e nenos, fomenten hábitos saudables e contribúan a construír unha contorna educativa segura, integradora e orientada ao futuro.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------