O Concello do Carballiño xa está inmerso na celebración da LXIII Festa do Pulpo, e, nesta fin de semana, a Concellería de Turismo organiza a ‘II Mostra de Viño do Carballiño’, unha posta en valor da vitivinicultura e do traballo realizado polas adegas das comarcas do Carballiño e do Ribeiro. A iniciativa, impulsada por primeira vez no 2024, gaña peso nesta segunda edición e convértese e internacional: o número de adegas aumenta ata 10, sendo nove delas da Denominación de Orixe Ribeiro, coa novidade da incorporación da Adega de Favaios, procedente de Alijó, a vila portuguesa irmandada co Carballiño, e adscrita á Região do Alto Douro.
O concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, destaca a boa resposta do sector vitivinícola, así como do público. “Agardamos que este ano as adegas e os asistentes tamén marchen cun bo sabor de boca”, apunta o edil, que convida a veciños e visitantes a achegarse ao recinto ferial durante a fin de semana.
Así, nesta feira, que terá lugar os vindeiros días 2 de agosto, sábado, e 3, domingo, estarán presentes viños das adegas Casal de Armán, Viña Costeira, Adega do Eladio, Outeiro de Barra, Eulogio Collarte, Pazo Tizón, Eduardo Bravo, Viña Carpazal, Adega Cotarelo e a lusa Adega de Favaios, de xeito que cada unha presentará os seus mellores viños, que veciños e visitantes poderán degustar durante as dúas xornadas.
Casal de Armán, adega creada nos anos 90 pola familia González Vázquez, presentará varios dos seus caldos, todos eles realizados con uvas do val do Avia. Viña Costeira sorprenderá ao público coa variedade de viños escollida, na que haberá oco para grandes coñecidos, pero tamén para novas propostas que pouco e pouco gañan máis adeptos. Pola súa parte, Adega do Eladio, creada en 2004, amosará a calidade dos seus caldos, elaborados a partir de uvas recollidas en viñas propias, herdadas de pais a fillos desde hai séculos. Outeiro da Barra presentará as súas dúas variedades, baseadas na tradición, a innovación e a creatividade.
O colleiteiro Eulogio Collarte dará conta da calidade dos seus caldos e do seu proceso de elaboración a partir de uvas de Cenlle. O Pazo Tizón, de Moldes, recentemente galardoado coa medalla de ouro no Concurso Mundial de Bruselas 2025 pola calidade do Cuvée Treixadura 2022, dará conta do seu bo facer vitivinícola. Eduardo Bravo presentará os seus viños, elaborados coas uvas colleitadas en Paraxe de Flor de Vides. A adega Viña Carpazal levará á mostra os seus viños de autor cuxa personalidade radica nas uvas procedentes de antigos viñedos nas beiras do Miño. A Adega Cotarelo, situada no Barral, tamén nas beiras do Miño, levará os seus viños elaborados ao xeito tradicional. Por último, a Adega de Favaios de Alijó presumirá dos seus caldos do Douro, unha das zonas vinícolas máis emblemáticas de Portugal.
Programa
A II Mostra de Viño do Carballiño abrirá as súas portas este sábado 2 ás 12,00 horas coa actuación musical da agrupación ‘Pola bica baila o can’. O recinto pechará as súas portas ás 15,00 horas e volverá abrir ás 20,00 horas. Ás 21,00 horas o grupo ‘Tres Pesos’ será o encargado de poñer a ambientación musical. A mostra pechará ás 00,00 horas.
Xa o domingo, o recinto abrirá as súas portas ás 12,00 horas coa actuación musical de Perrito Piloto. De novo, a mostra pechará ás 15,00 horas para volver abrir ás 20,00 horas. A agrupación ‘Amigos do Acordeón Terras de Celanova’ será o encargado da animación musical a partir das 21,00 horas. A II Mostra de Viño rematará ás 00,00 horas.