O secretario provincial e voceiro socialista, Álvaro Vila, destaca que as iniciativas socialistas conseguiron construír consensos transversais e rachar con políticas partidistas e clientelares de épocas pasadas.
Entre outros aspectos, Vila salienta que se logrou paralizar a privatización da recollida do lixo e a aprobación do plan CooperOu para o financiamento equitativo dos 91 concellos da provincia.
O líder so PSdeG-PSOE de Ourense tamén destacou os avances no transporte metropolitano de Ourense e a creación do primeiro plan de vivenda provincial dotado con 500.000 euros.
Ourense, 30 de xullo de 2025. O Grupo Provincial Socialista ofreceu unha rolda de prensa na Deputación de Ourense para facer balance dos dous primeiros anos de mandato, que representan o ecuador do mesmo. O secretario do PSdeG-PSOE de Ourense e voceiro na corporación provincial, Álvaro Vila, protagonizou a comparecencia acompañado do resto de deputados e deputadas socialistas, facendo unha valoración moi positiva do traballo realizado durante este período.
Durante a súa intervención, Vila destacou que as iniciativas presentadas polo grupo socialista “permitiron rachar con políticas totalmente partidistas e clientelares de épocas pasadas, logrando avances en eidos tan diferenciados como transparencia, mobilidade, sector primario e servizos sociais”. En total, foron máis de corenta mocións que, segundo o voceiro, “transformaron a axenda política provincial cunha elevada taxa de éxito na construción de consensos transversais de interese para toda a veciñanza desta provincia”.
“Quizais a idea que mellor define estes dous anos é a capacidade do Grupo Socialista para construír e liderar consensos transversais de interese para toda a veciñanza desta provincia”, subliñou Vila durante a súa comparecencia. O voceiro socialista repasou os principais cambios e fitos conseguidos grazas ás iniciativas do equipo do PSdeG-PSOE na Deputación de Ourense, destacando nomeadamente os logros en materia de transparencia na xestión pública e financiamento local.
En materia de xestión de residuos, Vila subliñou que tendo a Deputación de Ourense iniciado o proceso de privatización da recollida do lixo, “os socialistas logramos paralizalo e mesmo avanzar para fortalecer e modernizar este servizo público”. Doutra banda, o socialista lembrou que anteriormente aproximadamente o 90% das subvencións se concedían nominalmente sen concurrencia competitiva e o 80% dos contratos se adxudicaban a dedo. “Unha situación que cambiou radicalmente coa posta en marcha do plan CooperOU para que os 91 concellos da provincia teñan unha financiación equitativa baseada en criterios obxectivos”, fincou este.
Avances en mobilidade e xestión transparente
Respecto á estación de montaña de Manzaneda, o voceiro socialista indicou que “despois de anos cunha xestión opaca e deficitaria onde esta casa tiña que inxectar cartos todos os anos, hoxe estamos no camiño de reverter esa situación”. En mobilidade, Vila resaltou os avances cara o posta en marcha do transporte metropolitano, sinalando que “despois de 30 anos sendo a única provincia galega sen transporte metropolitano, hoxe estamos máis cerca de acadar un acordo amplo para a súa implantación, tendo xa conseguido sentar na mesa aos actores principais, incluíndo concellos da comarca, Xunta de Galicia, Deputación e representantes dos grupos políticos”.
O Grupo Provincial Socialista tamén puxo de relevo o seu compromiso co sector primario, lembrando que hai máis de 4.500 afiliados á Seguridade Social neste sector na provincia. As propostas socialistas incluían liñas de subvención para emprendemento, dixitalización, maquinaria, agricultura ecolóxica, sanidade vexetal e animal, así como unha atención específica a sectores como o da castaña no oriente ourensán. Os socialistas mesmo presentaron iniciativas para aproveitar as oportunidade que ofrece o sector da minería, considerándoo estratéxico na provincia e sinalando que “onde os socialistas ven oportunidades, o Partido Popular só ve problemas administrativos”.
En políticas sociais, o voceiro destacou logros como a creación do servizo provincial de adiccións, un plan para a atención á saúde laboral en sectores específicos afectados pola silicose e a recente iniciativa dun protocolo para atallar a violencia no deporte a través dunha protección infantil colaborativa. Especial relevancia tivo a creación do primeiro plan de vivenda provincial, dotado inicialmente en 500.000 euros para que os concellos merquen ou rehabiliten vendas para protección oficial, respondendo así á gran preocupación da sociedade española e de milleiros de ourensáns polo acceso á vivenda.
Prioridades futuras e compromiso co rural
Álvaro Vila tamén expuxo algunhas das prioridades do Grupo Provincial Socialista para o que resta de mandato, comezando polo incremento das partidas económicas para o CooperOU, continuando co fortalecemento da financiación equitativa dos concellos. Tamén sinalou a necesidade de afondar e ampliar o plan de vivenda, que actualmente só contempla unha partida de 500.000 euros, habendo moita marxe de mellora, así como incrementar as partidas para o plan de estradas e culminar os obxectivos das mesas en marcha, especificamente a de Meisa (Manzaneda) e a do transporte metropolitano de Ourense.
O voceiro socialista reiterou o compromiso do partido co rural, por fortalecer os servizos básicos, apoiando o sector primario, polo fortalecemento do sector turístico e polo termalismo. Porén, Vila alertou de que “non se pode permitir que se siga baleirando de facultativos os centros de saúde nin que os cativos só poidan enfermar os días e horas que indican desde o Sergas que estará o pediatra”.
Segundo Vila, “as mocións presentadas representan un traballo intenso e estruturado que levou ao grupo de goberno do PP a asumir boa parte delas, logrando cambios importantes desde a oposición”. O socialista destacou que “a través das nosas iniciativas conseguimos presentar o noso proxecto de provincia, logrando grandes consensos arredor das nosas propostas que contribuíron a transformar a provincia desde a responsabilidade na oposición, demostrando que é posible facer política construtiva e de consenso mesmo desde a minoría na cámara”.