O PP salienta os investimentos conseguidos no primeiro ano de cogoberno co PSOE no Carballiño

Os cinco integrantes do grupo municipal do Partido Popular compareceu hoxe en rolda de prensa para realizar unha avaliación do primeiro ano de cogoberno tra-lo pacto co PSdeG-PSOE no Concello do Carballiño, que califican de “satisfactorio” aínda que, según o seu voceiro e tenente de alcalde, José Castro-Gil, “podiamos ter feito algunhas cousas máis”. Asemade, e pese “ás diferencias políticas”, subliñan que a cohabitación cos socialistas está a funcionar. Unhas diferencias que se puxeron en evidencia recentemente respecto da organización da Festa do Pulpo, xa que a popular Elvira Torres, concelleira de Medio Ambiente, amosou o seu disgusto polo mantemento no mesmo espazo da zona de pubs no Parque Municipal, autorizada polo edil de Turismo, o socialista Manuel Dacal.

O tamén alcalde en funcións do Carballiño, José Castro-Gil, salientou os grandes proxectos que o Concello ten postos en marcha, con investimentos de 2 millóns por parte da Xunta e 1 millón da Deputación Provincial. Asimesmo, manifestou a súa intención de “mellorar o contacto directo dos veciños” e de promover os cambios necesarios para a optimizar a xestión do organigrama da plantilla de traballladores municipais.

A concelleira de Educación, Lorena Castro, comentou aspectos vencellados ás obras de rehabilitación levadas a cabo nos centros de ensino e na gardería Galiña Azul, así como o importante proxecto de reposición das instalacions do Conservatorio de Música a fin de paliar os efectos das emisións de gas radon. Pola súa banda, Elvira Torres, lembrou os 60.000 euros na mellora das ribeiras do río Arenteiro, así como o acondicionamento da pasarela da Toscaña e a creación do xardín aromático, entre outras actuacións. Plantexou coma novos proxectos a mellora da lagoa da finca das Barcias e do sendeiro e contorna do Bañiño de Arcos.

Diana González, edil de Comercio e Emprego, fixo referencia ao proxecto de transformación da Praza de Abastos nun ‘mercado excelente’, para o que xa se recibiron achegas de máis de 74.000 euros; a posta en marcha dos obradoiros xuvenil e dual e a realización de cursos de formación. Finalmente, Miguel Fernández, responsable da área de Medio Rural, comentou os traballlos de limpeza das fontes e lavadoiros nos diferentes núcleos de poboación e a futura execución, dentro do Plan Agader, do acondicionamento da estrada entre O Carballiño, O Penedo e Mesego, e avanzou a reforma da pista entre A Piteira e Paciños e a construcción de beirarrúas en Partovia, na antiga estrada a Ribadavia, e entre o IES Chamoso Lamas e o Parque Etnográfico.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------