O deputado de Cultura, César Fernández, puxo en valor o investimento nas obras desta infraestrutura cultural, que superan os 108.000 euros e permitirán comezar a tempada con escenario novo, pantalla de cine e iluminación mellorada
Cine, teatro, música, danza e circo forman parte das variadas propostas previstas ata final de ano
Ourense, 31 de xullo de 2025.
O Teatro Principal de Ourense vén de presentar a súa programación para o segundo semestre de 2025, con máis dunha vintena de propostas variadas e de calidade que, ademais, coincidirán coa renovación deste espazo cultural da Deputación de Ourense tralas obras que están acometéndose e que supuxeron a instalación dun novo escenario, así como dunha nova pantalla de cine e un sistema de iluminación actualizado e máis eficiente. Teatro, música, danza, cinema e circo forman parte da variada programación prevista para a nova tempada.
Na presentación participaron o vicepresidente segundo e deputado de Cultura da Deputación, César Fernández; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; o vicerreitor do Campus de Ourense, Javier Rodríguez Rajo, e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón, que explicou en detalle todas as propostas que ofrece este espazo ata finais de ano.
César Fernández manifestou a súa gratitude a todo o equipo do Teatro Principal, así como ás administracións que cooperan coa Deputación de Ourense na posta en marcha desta programación, como é o caso de Agadic e a Universidade de Vigo a través do Campus de Ourense.
Ademais, o deputado de Cultura fixo referencia á “importancia en investimento en infraestruturas culturais”, como é o caso dos máis de 108.000 euros destinados á reforma do teatro. Tamén sinalou como “obxectivo estratéxico” da Deputación “garantir o acceso á cultura de calidade con programacións como a deste Teatro, que é a institución cultural de referencia na cidade, na provincia e referente en toda Galicia”, dixo Fernández.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, mencionou a calidade e a variedade das propostas que conforman a programación do Teatro Principal, “o faro da cultura en Ourense”.
Pola súa banda, o vicerreitor do Campus, Javier Rodríguez Rajo, fixo referencia á importancia do Teatro Principal para a vida do estudantado. “Esta cooperación axúdanos a ter promocións de estudantes máis formadas, achegándolles compañías de nivel a Ourense”, apuntou.
Abonos xa a venda
A programación completa xa está dispoñible na web do Teatro Principal, así como a información da venda de abonos para este segundo semestre.
Detalle da programación
O programa completo dos espectáculos do Teatro Principal no segundo semestre está dispoñible en teatroprincipalourense.com