A Veracruz acolle este sábado ‘Emocións Sonoras’, un concerto de cámara á luz das candelas

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A Xove Orquestra Sinfónica ‘Ourensanía’ chega de novo ao Carballiño para ofrecer un dos concertos do ciclo “Emocións Sonoras, música e patrimonio á luz das candelas”, que terá lugar no templo de A Veracruz o vindeiro sábado dende as 20,30 horas. A presentación deste recital desenvolveuse esta mañá na Casa do Concello, coa asistencia do concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e o director da agrupación sinfónica, José Luis Tielas.

Diego Fernández salientou a celebración deste concerto “no templo da Veracruz, de cuxo deseñador, Antonio Palacios, conmemoramos o ano pasado o 150 aniversario do seu nacemento cun programa de actividades, e que en pouco tempo lucirá unha nova iluminación artística”. O edil de Cultura agradeceu a Tielas “ter en conta a nosa vila para este evento”, á vez que animou a toda a veciñanza e visitantes a asistir para escoitalo este sábado, día 9 de agosto.

Pola súa banda, José Luis Tielas subliñou que este ciclo “é unha boa oportunidade para visibilizar o patrimonio arquitectónico que posuimos na provincia de Ourense, A Veracruz neste caso, maridando a música coa luz das candelas nunha sensación emocionante”. Unha sección de cordas, vento e percusión da orquesta Ourensanía interpretará pezas de música clásica da época barroca e do romanticismo, ademais doutras de bandas sonoras como “A lista de Schlinder” ou “A misión”, entre outras.

O ciclo “Emocións Sonoras” tamén terá protagonismo o venres, día 8, na igrexa de Santiago de Ribadavia, dende ás 20,30 horas, e, o domingo 10, na igrexa vella de Santa Mariña de Xinzo de Limia, á mesma hora.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------