O PP de Ribadavia pide ao goberno municipal que apure a concesión da licenza de obra para a renovación do centro de saúde de Ribadavia

  • Os populares sinalan que dende o pasado 18 de xaneiro o concello ten no seu poder o informe da Confederación Hidrográfica Miño-Sil que tardou en ser emitido 8 meses dende que fora solicitado pola consellería de sanidade.
  • Os populares pídenlle ao goberno municipal a maior celeridade posible na concesión da licenza dada a necesidade e a importancia de comezar canto antes coa obra de renovación do centro de saúde.

O grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia ven de presentar unha solicitude no rexistro municipal pedíndolle ao goberno que se proceda a conceder a licenza de obra para a renovación do centro de saúde de Ribadavia coa maior celeridade posible. Os populares lembran que a reforma integral do centro de saúde de Ribadavia foi un compromiso adquirido polo presidente da Xunta co, naquela altura, alcalde de Ribadavia, o popular César Fernández, na reunión que ambos mantiveron o pasado 28 de setembro de 2020. Naquela reunión o presidente da Xunta comprometérase a redactar o proxecto antes do remate de 2020 e a incluír a dotación económica para a realización da obra no orzamento de 2021, ambos compromisos cumpridos. O contrato para a redacción do proxecto do centro de saúde asinouse o 28 de decembro de 2020 e o proxecto foi presentado o 19 de febreiro de 2021. O 27 de abril de 2021, sanidade solicitaba a licenza de obra ao Concello de Ribadavia, e o 19 de maio de 2021 o Concello de Ribadavia facía un requirimento de documentación ao SERGAS entre a que se atopaba a petición dun informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, informe que o SERGAS solicitou á Confederación Hidrográfica ese mesmo día, pero que non chegou ata oito meses despois, concretamente o 17 de xaneiro de 2022. Unha vez recibido o informe favorable da CHMS, a consellería de sanidade trasladou a documentación ao concello de Ribadavia o 18 de xaneiro de 2022, polo que agora xa se estaría en disposición por parte do concello de Ribadavia de outorgar a licenza de obra.

Unha vez que xa chegou o informe favorable da CHMS, que tardou oito meses, os populares pídenlle ao goberno de Ribadavia que proceda a conceder a licenza de obra coa maior celeridade posible para que, dese xeito, poidan iniciarse as obras de xeito inmediato, pois o contrato coa empresa adxudicataria da obra está formalizado dende o pasado mes de novembro.

AVANTAR ACTIVIDADES