Eladio Santos enxalza a Feira do Viño de Monterrei como un auténtico referente do calendario vitivinícola galego

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

XVIII Feira do Viño de Monterrei

  • Felicitou ao sector vitivinícola o seu esmero por manter e mesmo mellorar a calidade dos viños da DO ano tras ano, “o que se traduce nun crecente prestixio”
  • Lembrou que o Goberno aprobou en xullo destinar 12,1 millóns de euros a Galicia para o sector do viño

Verín (Ourense), 8 de agosto de 2025.- O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, enxalzou hoxe a Feira do Viño de Monterrei como un auténtico referente do calendario vitivinícola galego. Fíxoo durante a inauguración da 18 edición da festa que se celebra en Verín ata o 10 de agosto.

Na súa intervención, o subdelegado animou aos veciños e veciñas da comarca e aos visitantes a desfrutar destes tres días cheos de actividades como catas, concertos e degustacións. “Esta feira soubo, ao longo das súas edicións, combinar tradición e modernidade, impulsando o recoñecemento da Denominación de Orixe Monterrei dentro e fóra das nosas fronteiras”, remarcou.

Eladio Santos felicitou ao sector vitivinícola da DO por manter e mesmo mellorar a calidade dos viños que son os protagonistas desta celebración. “Aquí trabállase con esmero, con coñecemento transmitido de xeración e xeración e con visión de futuro, o que se traduce nun crecente prestixio”, sostivo.

Ademais, o subdelegado reafirmou o apoio incondicional do Goberno de España ao sector primario e aos produtos con denominación de orixe. De feito, indicou que a conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural aprobou o mes pasado destinar 12,1 millóns de euros a Galicia para reestruturación e reconversión de viñedos e para investimentos en infraestruturas y comercialización para o sector do viño.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------