As obras do novo Centro de Saúde do Carballiño comezarán no último trimestre deste ano

O inicio das obras para a construcción dun novo Centro de Saúde na actual estación de autobuses do Carballiño está previsto nun prazo máximo de tres meses. A Xunta de Galicia vén de comunicar, tanto aos responsables de Monbus, empresa que xestiona este centro de transporte de viaxeiros, como á xerencia da cafetería do mesmo, que dispoñen de un mes para abandoar as instalacions, fixando como data tope o 30 de setembro.

En consecuencia, as oficinas de despacho de billetes para as liñas discrecionais de transporte de viaxeiros deberán ser trasladadas á estación de Renfe, onde xa o Concello do Carballiño habilitou unhas dependencias para tal fin. Ademais, tamén comezará a estar operativa de xeito definitivo a estación intermodal ubicada na explanada colindante coa Avenida 25 de Xullo, e que na actualidade xa está sendo utilizada polas empresas para a recollida e deixada de viaxeiros nas liñas a Ourense e Pontevedra. Este módulo de intercambio supuxo un investimento aproximado de 190.000 euros por parte da Xunta.

O traslado do centro operativo de transportes a este novo módulo non suporá a supresión das actuais paradas diante da estación de autobuses, que se manterán cara o futuro para tódalas empresas con concesión de liñas de viaxeiros coma un servizo para a veciñanza no casco urbano do Carballiño.

As previsións da Consellería de Sanidade apuntan a unha demolición previa do edificio situado na avenida de Balneario, que fora inaugurado no ano 1989 coincidindo coa etapa de Fernando González Laxe ao frente do Goberno autonómico. Con posterioridade, executaranse as obras do novo ambulatorio, en virtude do protocolo de colaboración asinado o 2 de agosto de 2022 polo alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e os entronces conselleiros de Sanidade, Julio Comesaña, e Infraestruturas, Ethel Vázquez. 

O novo Centro de Saúde do Carballiño verá multiplicado por 2,5 o seu espazo actual, xa que se levantará nunha parcela de 4.500 metros cadrados. Un inmoble moderno que permitirá contar con máis consultas de medicina e enfermería e espazos como unha sala de illamento para pacientes infecciosos, unha sala de educación maternal ou unha de toma de mostras da que non se dispón no ambulatorio actual. Tamén contará cun área de saúde bucodental e outra de saúde mental con espazo para psiquiatra e enfermeira especialista, ademais, crearase unha consulta de docencia para dar formación a residentes e as melloras no PAC.

Deste xeito, a execución do proxecto de novo ambulatorio estímase comece no último trimestre do ano actual, na ubicación acordada polo Concello carballiñés e o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e unha vez fosen desbotadas outras alternativas pola súa inviabilidade.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------