Carballeda de Avia acollerá un plan piloto promovido pola Xunta que combinará os pasteiros con diversas iniciativas de mobilización de terras

O obxectivo é conxugar accións ao abeiro do Plan de pastos con figuras como as aldeas modelo ou os polígonos agrarios, utilizando os instrumentos da futura Lei de recuperación da terra

Publicidade

Consolidando a xa implementada aldea modelo de Muimenta, trabállase coa posibilidade de promover outras aldeas, así como un polígono de viñedo

Esta iniciativa sumaríase ás xa previstas nos concellos veciños da Arnoia, Castrelo de Miño e Leiro, para recuperar terra ao tempo que se dota de maior superficie de cultivo á Denominación de Orixe Ribeiro

O concello ourensán de Carballeda de Avia acollerá un plan piloto promovido pola Xunta que combinará os pasteiros -ao abeiro do Plan de pastos- con diversas iniciativas de mobilización de terras, utilizando os instrumentos da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así se acordou na reunión que mantivo o conselleiro do Medio Rural, José González, co alcalde da localidade, Luis Milia, na que estiveron acompañados pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos.

Así, no encontro tratouse a xa implementada aldea modelo de Muimenta, que nas próximas semanas contará cun rabaño de cabras que se encargarán de rozar a contorna á espera de que se defina o produtor ou produtores que se establecerán na zona. Nesa liña, cómpre lembrar que os usos considerados idóneos para esta aldea de 29,14 hectáreas son a gandaría en extensivo, así como o cultivo de viñas, producións hortícolas, oliveiras ou froiteiras, xa máis preto do núcleo rural. Cómpre engadir que as cabras tamén se empregarán para o mantemento das faixas secundarias en varias aldeas de deste concello que resultaron moi afectadas polos incendios de 2017, co obxecto de previr lumes forestais.

A maiores da aldea modelo de Muimenta, o conselleiro puxo de relevo que o plan piloto que albergará Carballeda de Avia conta con promover pastos e outras aldeas modelo, conectando ambas fórmulas entre si polos proxectos produtivos. Outra das principais iniciativas que se prevé é un polígono para a plantación de viñedo, que se sumaría aos outros tres xa contemplados na mesma comarca do Ribeiro.

Nesa dirección, cabe lembrar que A Arnoia acollerá un polígono dunhas 60 hectáreas que se dedicará ao cultivo de viñas, Castrelo de Miño contará cun proxecto piloto de polígono agrario de viñedo de arredor de 50 hectáreas e Leiro con outro polígono de 100 hectáreas. Con todas estas figuras dáse resposta á demanda da Denominación de Orixe Ribeiro, no sentido de impulsar a recuperación de terras e a ampliación de superficie para o cultivo de viñedo na bisbarra.

Cooperación transfronteiriza

O encontro tamén serviu para avanzar na participación do monte Vilar de Condes no programa Forvalue: “Xestión innovadora para a valorización e resiliencia do espazo forestal”. Trátase dun proxecto europeo de cooperación transfronteiriza entre España e Portugal en materia de incendios forestais ao abeiro do que se busca implementar unha serie de modelos de xestión nos que se combina a mellora do aproveitamento do espazo forestal e da biomasa coa xeración de emprego e o desenvolvemento económico. Así, búscase aumentar a resiliencia do territorio fronte aos lumes nun contexto de cambio social e climático.

Para levar a cabo este cambio, é preciso promocionar modelos de xestión innovadores dos ecosistemas transfronteirizos de Portugal e Galicia, como poden ser as agrupacións de xestión forestal conxunta e o emprego de ferramentas TIC de coordinación para unha correcta planificación e xestión do espazo forestal.

O proxecto, que está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), responde ás problemáticas das áreas con elevada incidencia de lumes forestais, como pode ser o caso do concello de Carballeda de Avia. A Agacal é a encargada da xestión administrativa e técnica da iniciativa e nela tamén participan outros departamentos da Xunta, como a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, da propia Consellería do Medio Rural e o Instituto de Estudos do Territorio (IET), da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.