Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

AVANTAR ACTIVIDADES

As guerras, os xenocidios, as invasións bélicas, os asasinatos, as torturas, os malos tratos… só se poden entender, nunca xustificar, como efectos derivados de mentes perversas e malvadas. Mentes que se agochan detrás de caracteres psicolóxicos, cientificamente estandarizados e categorizados, que se foron perfilando e moldeando desde a infancia a partir dunha estrutura biolóxica concreta que psicoloxicamente se denomina temperamento. A bioloxía, que condiciona o temperamento, vén dada por natureza, é innata, aínda que o proceso do seu modelado posterior sexa social, adquirido baixo condicións estritamente volitivas e de imprescindible liberdade persoal. O temperamento explícase en claves xenéticas, en cambio a xustificación do carácter entra no ámbito psicolóxico da aprendizaxe, da axioloxía, da liberdade e da vontade. Da conduta xenética non hai responsabilidade ética, en cambio si existe deber moral da forma de proceder do carácter, porque o seu modelado é unha elección da persoa.

Cantas veces nos preguntamos sorprendidos por que existen tantos despropósitos na sociedade, tantos problemas familiares inintelixibles e dificilmente resolubles, tantas contradicións nas decisións dos nosos gobernantes, tantos dislates xurídicos, tantos despropósitos legais e tantas actitudes, decisións, expectativas… absolutamente incomprensibles. A resposta a todas esas interrogantes posiblemente as poidamos atopar dentro da nosa propia natureza e do seu moldeado a través do tempo.

Nin anxos nin demos

Asumamos como hipótese que a perfección non existe. “Perfecto quere dicir que posúe o grao máximo dunha determinada calidade ou defecto” (RAE). Nada hai no noso planeta que se axuste adecuadamente a esa definición, nin como calidade positiva nin como defecto. Todo o que existe aglutina características dispares e amalgama propiedades diferentes, positivas e negativas. Non somos anxos, pero tampouco demos. Comprobámolo nas persoas e nas súas peculiaridades identitarias. A ninguén se pode reputar de absolutamente virtuoso, de completamente sabio, de totalmente malvado ou de indiscutiblemente ignorante… porque, aínda sendo un mínimo factor presencial, algo terá de indecoro o virtuoso, o sabio non estará libre de ignorancia, algo de bondade haberá no malvado e un pouco de enterado estará o ignorante… É así como debemos interpretar as categorizacións das persoas e de xulgar o emprazamento nos múltiples rangos sociais no que as ubica a ciencia. Ademais, co paso do tempo, as personalidades evolucionan e cambian, como sinalan psicólogos, sociólogos e investigadores neste ámbito antropolóxico. “Quen pode ser ao mesmo tempo sabio e insensato, tépedo e furioso, leal e indiferente?”, pregunta o personaxe Macbeth no libro homónimo de Shakespeare.  

            Con todo, os seres humanos temos unha necesidade case innata de clasificar as cousas e de englobar en grupos moi específicos todo o que percibimos. Hai veces que isto resulta máis ou menos sinxelo, como é clasificar os seres vivos en familias, xéneros e especies; en cambio, hai outras veces que non resulta nada fácil, especialmente se o que intentamos catalogar está relacionado coa mente humana.

Temperamento

            Xa na antiga Grecia, Hipócrates (s. V-IV a. C.) postulaba que todo ser humano está composto por catro humores básicos: sangue, bile amarela, bile negra e flema. Coñecendo nunha persoa a proporción de cada un destes elementos, podíase determinar se a persoa era máis atrevida, colérica, depresiva ou impasible. Esta clasificación definía o temperamento, que se fundamenta e depende da anatomía. De igual modo, vinte e cinco séculos despois, Ernst Kretschmer (1888-1964) puxo en relación o temperamento coa constitución corporal. Estaba convencido de que as propiedades psicolóxicas revelaban unha evidente conexión coas condicións morfolóxicas, publicando a seguinte clasificación de conformidade con ese criterio:

1) Tipo pícnico-ciclotímico. Son individuos nos que morfoloxicamente predomina a talla baixa, pescozo curto, mans anchas pero curtas, déficit de musculatura e proclive á obesidade. O seu temperamento tende a ciclotímico, pasando da alegría á tristeza, e desta á alegría en pouco tempo. Os individuos con este perfil temperamental estarían propensos aos trastornos bipolares. Considero que Sancho Panza podería representar perfectamente o perfil somático deste temperamento.

2) Tipo atlético-viscoso. As persoas dentro desta categoría son individuos de cinto escapular (parte superior do tórax e clavícula) ancho e musculoso, pescozo alto, queixo prominente, mans grandes e fortes, pelve estreita e pernas delgadas. O seu temperamento é tenaz, adhesivo e oscila entre o explosivo e o flemático. O seu perfil somático aproximaríase ao Superman. A súa proclividade sería á epilepsia.

3) Tipo leptosomático (ou asténico)-esquizotímico. Nome derivado de dúas palabras gregas leptos = delgado e soma = corpo. Son individuos delgados, de talla curta, con feble musculatura, escasa graxa, mans osudas e finas, exiguo perímetro do tórax e ombreiros moi estreitos. O temperamento ofrece afectividade, movéndose entre a frialdade e a sensibilidade. Os seus actos motores (escritura, xestos, saúdos…) son ríxidos, inertes, indolentes…. Este tipo tende a un temperamento esquizoide que pode derivar nunha psicose esquizofrénica. Creo que don Quijote sería o icono perfecto do temperamento leptosomático.

4) Tipo displásico. É o tipo que constitucionalmente resulta moi raro. A súa complexión móstrase dismórfica e todas as proporcións corporais están desequilibradas. Nesa mesma liña está o seu temperamento que ten predisposición á epilepsia e á esquizofrenia. Penso que Quasimodo, o chepudo de Notre Dame, pode representar o perfil deste temperamento.

            Cómpre constatar que o temperamento é consecuencia das características somáticas da persoa e, en consecuencia, vai unido á bioloxía e á anatomía corporal do individuo; en cambio, o carácter, aínda que instalado sobre esa mesma base anatómica, é resultado das aptitudes e facultades psíquicas que, habitualmente, se moldean por medio da instrución cultural, da educación e da aprendizaxe en todos os seus ámbitos.

Carácter

Se o temperamento pode ser explicado e xustificado pola xenética, o carácter desvíase dese determinismo biolóxico. O carácter é resultado da liberdade volitiva, nace e consolídase a criterio da persoa, e as súas características, honestas ou perversas, dependen exclusivamente dunha elección racional. De forma xeral podemos dicir que o temperamento se impón cun singular determinismo sobre a conduta a partir das nosas tendencias biolóxicas e, consecuentemente, non somos responsables morais do seu proceder; mentres que o carácter queda subordinado ás nosas decisións, ao noso albedrío, sendo nós responsables das súas consecuencias e da valoración moral que estas xeran.

            O estudo científico do carácter denomínase caracteroloxía, concepto proposto polo filósofo alemán Julius Bahnsen (s. XIX) para explicar a creación de tipoloxías e teorías sobre o carácter humano. Son numerosas as clasificacións do carácter humano que a partir do século XIX aparecen nos tratados de psicoloxía. Neste contexto, o carácter representa un concepto co que se pretende explicar a conduta humana en diversas situacións utilizando elementos diferentes, como a emotividade, a intelixencia, a empatía, a actividade, a reacción… O carácter, o temperamento e a intelixencia forman, na opinión do psicólogo inglés Hans Eysenck, a personalidade.  Existe unha multitude de catálogacións do carácter humano, entre as que describimos as seguintes:

O carácter nervioso está cargado dun elevado potencial enerxético, maniféstase excitable ante mínimos estímulos da súa contorna e reacciona instantaneamente sen medir as consecuencias dos seus actos. As persoas con este carácter adoitan implicarse en múltiples compromisos porque revelan un elevado nivel de actividade.

O carácter apaixonado destaca pola súa alta emocionalidade e pola súa capacidade para envorcarse nun mundo de valores e proxectos persoais de futuro. As persoas que encarnan este carácter soen ser individuos moi independentes, comprometidos cos seus propios proxectos e cunha gran capacidade de concentración. A súa faceta negativa vén marcada polos celos e polos odios que poden derivar en crimes pasionais.

            O carácter colérico induce á persoa a implicarse en proxectos de longa duración, o que supón un elevado estrés ante a presión que ela mesmo se impón por rematar o traballo. As persoas coléricas poden actuar de forma impetuosa e agresiva nas súas relacións persoais.

            O carácter sentimental presenta unhas persoas tímidas, que dispoñen dunha vida extensa en emocións, á que dedican excesivo tempo e esforzo para a súa comprensión. Aman a soidade á que buscan con frecuencia. En ocasións poden ser arrastradas polo pesimismo ao faltarlles confianza nas súas capacidades para superar retos e novos proxectos.

            O carácter sanguíneo mostra persoas optimistas na súa maneira de afrontar a vida. Maniféstanse cariñosas e próximas nas súas relacións sociais permitíndolles gozar dunha ampla rede social. Non obstante, como os seus obxectivos se programan a curto prazo, resúltalles difícil emprender proxectos de longo alcance.

            O carácter flemático agrupa persoas equilibradas, reflexivas, repousadas e tranquilas. Os individuos flemáticos soen ser ordenados e programan os seus proxectos adaptándoos a unha temporalización estrita. A seguridade en si mesmos permítelles adaptarse con moita facilidade aos cambios da súa contorna.

            O carácter amorfo destaca polo seu pasotismo, pola despreocupación e inconsistencia lóxica. As persoas catalogadas dentro deste carácter acostuman a ser impuntuais, a incumprir as normas sociais e a non se preocupar por superarse.

            O carácter apático ofrece persoas cargadas de melancolía, individuos que viven dependentes da rutina cotiá, faltos de imaxinación para enriquecer a vida e que manifestan total indiferenza ante calquera tipo de problema que lles incumba. Son excesivamente conformistas e non lles importa estancarse na súa situación.

Caracteres literarios, pero auténticos e innegables

 Se ben resulta evidente que a lista de caracteres descrita anteriormente ten unha base psicolóxica e científica sólida, existen outras propostas que a min me resultan especialmente curiosas e novidosas aínda que non aparezan en ningún manual de psicoloxía, razón de máis para que sinta particular predilección por elas neste artigo. Trátase dunha maneira diferente de aproximarse aos caracteres humanos á marxe da ciencia e da psicoloxía, aportando unha visión máis popular, pero non menos real.

            Son teorías formuladas nas últimas décadas, cun enfoque orixinal e cunha visión perspicaz da realidade na que se centran. Aparecen como propostas que non se nos impoñen pola forza dos feitos, senón que se inventan para dar conta dos feitos, en ocasións con beliscos desa ironía que adoita estar asociada a unha intelixencia crítica, e case sempre con pingas de censura social.  

A primeira das propostas ten como paternidade ao escritor italiano Marco María Cipolla, autor do libro As leis fundamentais da estupidez humana. O autor comeza preguntándose se a humanidade se atopa en tan deplorable estado que debemos andar con pés de chumbo para non chocar continuamente coa estulticia e a insensatez. A súa resposta é clara e contundente: Si. De seguido, Cipolla enuncia cinco leis fundamentais da estupidez humana.

1ª.- “Sempre e inevitablemente cada un de nós subestima o número de individuos estúpidos que circulan polo mundo”. Cipolla explica como nos sorprendemos ao nos decatar de que persoas que considerabamos intelixentes se manifestan como irremediablemente estúpidas.

2ª.- “A probabilidade de que unha persoa sexa estúpida é independente de calquera outra característica da mesma persoa”. O estúpido nace estúpido, alega de forma rotunda o autor, e a proporción dos estúpidos é constante en todo grupo humano.

3ª.- Os seres humanos quedan colocados nunha destas catro categorías: incautos, intelixentes, malvados e estúpidos. A terceira lei di que estes últimos, os estúpidos, son aqueles que causan “un dano a outra persoa ou grupo de persoas sen obter, ao mesmo tempo, un proveito para si, incluso soen conseguir un prexuízo”, algo que para unha persoa razoable parece absolutamente incomprensible, xa que se resiste a entender como pode existir a estupidez. Os incautos son as persoas que favorecen aos demais prexudicándose a si mesmos. Os intelixentes procuran beneficiarse a si e aos outros. En cambio, os malvados prexudican aos demais para favorecerse a si.

Seguro que a vostede, querido lector ou lectora, se lle vén á cabeza o nome dalgunha persoa coñecida que encaixa perfectamente nalgunha destas catro categorías. Por exemplo: onde ubicarían a Vladímir Putin? E a Volodímir Zelenski? E aos negacionistas do covid19? E ao presidente da RFEF? E a A. Hitler? E a Elon Musk? Sigan, sigan… preguntándose por personaxes que se lles ocorra e encáixenos no lugar que ao seu parecer lles corresponde. Pode servirlles de pasatempo e de entretemento.

4ª.- “As persoas non estúpidas subestiman sempre o poder nocivo das persoas estúpidas”. Cipolla xustifica esta cuarta lei explicando que a estupidez é moi perigosa porque as persoas razoables non chegan a entender a conduta estúpida, xa que esta conduta é imprevisible e non se pode anticipar o seu ataque.

5ª.- A quinta lei explica que “a persoa estúpida é o tipo de persoa máis perigosa que existe”, pois do seu actuar non se espera nada, pero cabe a posibilidade de que poida facer calquera cousa.

A partir desta análise de Cipolla podemos deducir determinadas peculiaridades da estupidez. Por exemplo: o narcisismo. O estúpido vive atado á súa propia imaxe e aos seus caprichos. O estúpido é un narcisista porque, esencialmente, está enamorado de si mesmo ignorando aos demais. Ao mesmo tempo, a estupidez emparenta coa intolerancia e coa falta de diálogo porque o estúpido crese posuidor da verdade.

O escritor húngaro Paul Tabori, autor da Historia da estupidez humana, trata de demostrar que o maior eloxio da humanidade consiste na súa estupidez. Na súa opinión, ese tipo de carácter seguirá custando máis vidas e bens que todas as pragas e guerras que poidan aparecer. Entre as innumerables causas desta funesta conduta, Tabori sitúa a cobiza, o conformismo, o legalismo, o egoísmo… E, desde o seu punto de vista, a estupidez leva sobrevivindo a todos os ataques directos e indirectos, e segue actuando ao noso pesar, triunfante e remozada. Schiller xa se decatara de que ata os mesmos deuses loitaban constante, pero inutilmente, contra ela. E Albert Camus dicía na súa novela A peste que “a estupidez sempre insiste”.

A pesar de todas esas perspectivas descritas por persoas tan ilustradas, non podemos esquecer que analizamos a estupidez como unha forma de carácter, que fai acto de presenza nas persoas. E nese sentido debemos constatar que ese carácter é resultado da educación, das experiencias persoais, das interaccións co medio no que vivimos. Non nacemos cun determinado carácter, pois non é xenético, senón cultural. O carácter constrúese sobre o temperamento, que ese si constitúe a base biolóxica da persoa xa que vén determinado por procesos fisiolóxicos e factores xenéticos. O temperamento é innato, en cambio o carácter é o resultado dunha interacción do temperamento coa contorna. O carácter, pois, non se herda, senón que se aprende.

Umberto Eco, no seu libro O péndulo de Foucault, clasifica de forma satírica o carácter perverso nestes catro grupos:  os cretinos, os imbéciles, os estúpidos e os tolos. Escribe U. Eco: “Todo o mundo, de mirarse ben, participa desas catro categorías. Cada un de nós, de cando en vez, é un cretino, un imbécil, un estúpido ou un tolo. Digamos que a persoa normal é a que combina razoablemente os compoñentes ou tipos ideais”. E explica de modo sarcástico cada un deses caracteres e a maneira de recoñecelos.

“O cretino nin sequera fala, babexa, é espástico… non pode nin coordinar os movementos. Recoñéceselle deseguido… Entra na porta xiratoria polo lado oposto. El conségueo. Por iso é un cretino”.

“Ser imbécil é un comportamento social, pero xa é máis complicado. O imbécil é o que fala sempre fóra do vaso e sempre mete a pata. Ao imbécil recoñéceselle pronto e está moi solicitado, sobre todo nas reunións mundanas. Incomoda a todos, pero proporciónalles temas de conversación. O imbécil non di que o gato ladra, fala do gato cando os demais falan do can. Confunde as regras de conversación, e cando as confunde ben é sublime. Creo que é unha raza en extinción”.  

“O estúpido non se equivoca de comportamento, equivócase de razoamento. É o que di que todos os cans son animais domésticos e todos os cans ladran, pero que tamén os gatos son animais domésticos e por tanto ladran. Ou que todos os atenienses son mortais, todos os habitantes do Pireo son mortais, de modo que todos os habitantes do Pireo son atenienses. O estúpido mesmo pode dicir algo correcto, pero por razóns equivocadas… O estúpido trata de demostrar a súa tese, ten unha lóxica, coxa, pero lóxica… O estúpido é moi insidioso, e estamos rodeados de estúpidos”.

“O tolo non se preocupa por ter unha lóxica, avanza por curtocircuítos. Para el, todo demostra todo. O tolo ten unha idea fixa, e todo o que atopa sérvelle para confirmala. Ao tolo recoñéceselle porque se salta á toureira a obrigación de probar o que se di…”

Con todo, estas últimas descricións caraterolóxicas xa estiveron moi presentes no Renacemento, onde despuntou Erasmo de Rotterdam co seu libro Eloxio da tolemia, obra na que coloca á propia estulticia como narradora, enfatizando, cun estilo certamente humorístico, paradoxal e irónico, a insensatez que nos goberna. Neste mundo dominado pola imbecilidade e a estupidez, o sabio é un perfecto inútil e o necio é máis popular que o docto. Se prestamos atención ás verdades que con fina ironía detalla a loucura pola súa boca, decatarémonos da súa inquietante vixencia.

Como librarnos desa insensatez, imbecilidade e estupidez que dominan este planeta? Karl Popper propuxo que os cidadáns en lugar de formularnos a pregunta clásica “quen debe gobernar?”, deberiamos substituíla por esta outra: “Como deberiamos constituír o Estado de modo que poidamos librarnos dos malos dirixentes sen derramamento de sangue?”.

Mentres non teñamos resposta a esa pregunta, non nos sorprenda que a crueldade, a violencia, a cobiza e a inmoralidade sexan a base dunha sociedade que, de forma irremediable, vai de bruzos á loucura. Preguntámosllo aos ucraínos e ucraínas?


—————————————————————————————————

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.