Espazo Común propón un regulamento para mellorar a organización da Festa do Pulpo

Espazo Común trasladará á Corporación Municipal do Carballiño na sesión plenaria de setembro unha moción propoñendo a creación dun grupo de traballo “para conquerir que a Festa do Pulpo volte a medrar e saia do estancamento no que se acha”. A esta comisión convocaríanse representantes de tódolos sectores: comercio, hostalaría, xuventude, cultura, entre outros, “co obxectivo da elaboración dun regulamento para a organización da festa e unha folla de ruta que derive en moitas e necesarias melloras”.

Esta formación política expón que “A teórica semana grande da nosa vila baseouse nunha programación moito máis escasa ca outros anos e, sobre todo, moi repetitiva. Os Coribantes viñeron ao Carballiño oito veces nos últimos nove anos e os Gin Toni´s en sete ocasións no mesmo tempo. Sen dubidar da calidade destes artistas, non estaría de máis algunha novidade”, e engaden que “a ‘actuación estelar’ de Zapato Veloz e Los Limones deixou un sabor agridoce nos asistentes”.

Dende Espazo Común critican aspectos da Festa do Pulpo tales como a ausencia de actividades para a xente xove; o reducido espazo existente na Praza Maior para a ‘tapa xigante’ de pulpo, e a falla de previsión do Concello do Carballiño na organización dos actos protocolarios, coma foi o caso da placa conmemorativa do irmandamento con Noventa Padovana, entre outros.

Tamén apuntan que “é unha obviedade que houbo menos afluencia de xente nesta edición, e que tódolos asistentes percibimos mesmo con moita menor densidade de tráfico nas horas punta, ata o grao de que non había policía en moitos dos cruces conflitivos”. Asemade, subliñan que “a escasez de pulpeiras no Parque repítese outro ano máis, ante a aposta do goberno local de aumentar o seu número no casco urbano”, de xeito que “a sensación xeneralizada é que para favorecer a uns poucos bares, vaise perder o espírito orixinal e o feito diferencial da Festa do Pulpo: o de ser unha romaría tradicional no marco incomparable do noso Parque Municipal”.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------