A capital do departamento colombiano de Boyacá, Tunja, acolleu onte a presentación #ante medios de comunicación da rexión da próxima edición de Termatalia Colombia 2025. A sexta edición da Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar en América celebrarase na municipalidade termal boyacense de Paipa entre o 24 e o 26 de setembro. Está organizada por Expourense co apoio dos anfitrións locais entre os que destacan Procolombia, a Gobernación de Boyacá, a Alcaldía de Paipa e o Instituto Termal de Paipa e coa colaboración de entidades nacionais como Fontur (Fondo Nacional de Turismo) e Cotelco (Asociación Hostaleira e Turística de Colombia).
A presentación de Tunja contou coa participación do Gobernador de Boyacá, Carlos Amaya; do alcalde de Paipa Germán Camacho; Martha Corredor, directora executiva de Cotelco-Boyacá; e co director xerente de Expourense e director de Termatalia, Rogelio Martínez. Termatalia Colombia 2025 será un espazo para combinar recursos termais, innovación, sustentabilidade e cultura. A súa proposta céntrase en tres eixos fundamentais: capacitación profesional, oportunidades de negocio e fortalecemento do capital relacional. O gobernador de Boyacá asegurou que “é unha honra para Boyacá e para Paipa ser epicentro do evento internacional máis importante de termalismo. Ningún outro lugar en Latinoamérica reúne, nun mesmo territorio e a través de tantos pisos térmicos, unha diversidade tan extraordinaria de fontes termais como o fai Boyacá. Desde Güicán, a 2.983 metros de altura, ata as augas sanadoras de Zetaquira, a 1.665 metros sobre o nivel do mar, o noso departamento ofrece a Colombia e ao mundo unha experiencia única para o benestar, a saúde e o turismo sostible. En Boyacá, o termalismo vívese diferente: con diversidade de paisaxes asociadas á localización das termais, gastronomía e cultura. Convidados todos e todas a gozar deste evento”.
Pola súa banda, o arquitecto Germán Ricardo Camacho Barreira, alcalde de Paipa, expresou unha vez máis “o privilexio que supón para este municipio ser sede dun evento internacional como Termatalia. Recibir Termatalia en Paipa é unha oportunidade histórica para mostrarlle ao mundo o potencial das nosas augas termais, a nosa cultura e a nosa hospitalidade, por iso desde a administración municipal estamos completamente comprometidos para que este evento sexa un éxito rotundo e cumpra co seu propósito de impulsar o desenvolvemento sostible do turismo de saúde e benestar en Colombia e América Latina”, afirmou o mandatario.
Segundo explicou Rogelio Martínez, director de Termatalia, ‘O país da beleza’ é xa un completo destino turístico, de moda e agora termal. “Entre Paipa, Boyacá e Procolombia, co apoio do Instituto Termal de Paipa, presentaron unha candidatura que reúne todo o necesario para converter a Termatalia Colombia nunha das mellores edicións da feira en América. Seguro que así será. Durante uns días, Boyacá será epicentro do termalismo e é unha oportunidade de situarse no mapa mundial desta actividade”, explicou.
A axenda profesional de Termatalia Colombia 2025 inclúe:
• V Congreso Internacional sobre Auga e Saúde, xunto con talleres especializados.
• Workshops con operadores turísticos, roldas de negocios e unha Bolsa de Contratación internacional.
• Viaxes de familiarización (Fam Circuítos) e unha Misión de Prensa especializada. Durante a feira, Paipa converterase en punto de encontro de expertos, provedores, autoridades e medios de turismo de saúde de Europa, América e Asia, xerando alianzas estratéxicas e redes colaborativas de longo alcance. Un legado latinoamericano que impulsa o termalismo rexional.
Desde a súa primeira edición en América Latina en 2012 (Perú), Termatalia deixou pegadas profundas en cada país sede: Arxentina (2014): catalizador do termalismo nacional, recoñecido como Evento de Interese Turístico e de Interese Parlamentario; México (2016): recoñecido por marcar unha nova era no desenvolvemento do termalismo; Brasil (2018): celebrado baixo o lema “A enerxía das augas” en Foz doIguaçu (Estado de Paraná). Foi unha oportunidade para exhibir o potencial do Acuífero Guaraní; Uruguai (2023): exemplo de cooperación público-privada e declarado Evento de Interese Turístico Nacional.
Termatalia Colombia 2025 posiciónase como un punto de inflexión para o desenvolvemento do termalismo en América Latina, coa auga como símbolo de identidade, saúde e transformación social. Impulso local, proxección global Colombia, cunha extensa rede de mananciais –incluíndo termais andinos, cafeteiros e volcánicos– destaca en Paipa polas súas augas mineromedicinales e a súa infraestrutura: parque acuático, centro biomédico, spa termal, centro de hidroterapia e IPS terapéutica con augas termais do emblemático Pozo Azul.
A realización de Termatalia en Paipa responde a unha estratexia conxunta de goberno e sector privado para promover políticas públicas, capacitación, investimentos e unha oferta turística inclusiva, sostible e regenerativa.