O Concello do Carballiño prohíbe o lanzamento de fogos de artificio ata novo aviso

O Concello do Carballiño prohíbe o lanzamento de fogos de artificio ou artefactos pirotécnicos ata novo aviso a raíz da alerta 2 decretada pola Xunta de Galicia en toda a provincia de Ourense ante o perigo de incendios. Nesa liña, o alcalde en funcións, José Castro, lémbralle á veciñanza a importancia de extremar as precaucións, especialmente nestes días de altas temperaturas, vento e seca acumulada. “A protección dos nosos montes, casas e vidas depende da responsabilidade de todos e todas”, resalta Castro.

O goberno local recorda as medidas de obrigado cumprimento como a prohibición de facer lume en terreos forestais e a menos de 50 metros deles (incluíndo queimadas agrícolas, uso de fogueiras, grellas ou barbacoas non autorizadas e queima de restos vexetais sen permiso expreso), a limpeza das franxas de protección arredor das vivendas, estradas e núcleos rurais (mínimo 50 metros) e a responsabilidade no uso de maquinaria agrícola e forestal, evitando traballos que poidan xerar faíscas nas horas de máis calor.

O Concello do Carballiño tamén insta á poboación a respetar as recomendacións básicas: non prender lume no monte nin nas súas proximidades, evitar deixar lixo ou obxectos de vidro na natureza, non tirar cabichas ao chan, en caso de lume protexer ás persoas vulnerables (maiores, nenos, dependentes) e vixiar o monte (en caso de detectar lume, prégase chamar de inmediato ao 085 ou 112).

O alcalde agradece a colaboración de toda a cidadanía e lembra que o Concello está “a disposición para a veciñanza” en caso de calquera dúbida ou información adicional.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------