O BNG reclama información sobre a “situación real” do abastecemento de auga en Ribadavia

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Ribadavia reclama información do goberno municipal sobre cál é a situación real do servizo de abastecemento de auga e cáles son as medidas que se van levar a cabo en caso da aparición de problemas de seca. A formación nacionalista lembra que “o pasado martes foi publicado un bando municipal demandando da cidadanía un uso axeitado da auga, necesidade coa que o BNG de Ribadavia concorda”.

Engaden que “hoxe, xoves día 14, vemos que se está a instalar a carón das piscinas municipais da Veronza, un grupo electróxeno para dar abastecemento de emerxencia bombeando auga desde o río Avia ata a potabilizadora municipal (ETAP), que se subministra desde o regato Maquiáns”

Por iste motivo, demandan do Concello de Ribadavia a devandita información e preguntan se “a empresa concesionaria do servizo emitiu algún informe advertindo do problema de seca, qué recomendacións se facían e se existe algunha estimación dos gastos extraordinarios que van ocasionar os problemas no abastecemento municipal de auga e quén os vai pagar”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

“Malia as promesas do PP ribadaviense en campaña electoral, logo de máis de dous anos de goberno non se avanzou nada na mellora da rede de abastecementoo, totalmente obsoleta e con continúas incidencias por rebentóns, nin se comezou xiquera a tramitar unha nova captación no río Miño”, conclúen dende o BNG.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------