O PSdeG reclama á Xunta que informe puntualmente á cidadanía da situación dos incendios que están a arrasar Galicia

Carmen Rodríguez Dacosta pediu que o Goberno autonómico compareza de xeito, “cando menos, diario” para facer públicas cuestións como “as previsións dos técnicos, a fin de garantir a seguridade e a integridade das persoas que poidan verse afectadas”

A deputada socialista advertiu que os galegos e as galegas “teñen dereito a coñecer a dimensión real da catástrofe” e esixiu “transparencia absoluta” sobre os datos que manexa o centro de coordinación

Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2025. A deputada do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta reclamoulle hoxe á Xunta que informe puntualmente á cidadanía da situación dos incendios que están a arrasar Galicia, e que só na provincia de Ourense levan consumidas xa máis de 30.000 hectáreas.

Para a portavoz socialista de política forestal no Parlamento galego, non abonda con que o Goberno de Rueda publique nunha web dúas veces ao día datos sobre a superficie calcinada e os efectivos desprazados a combater cada fogo, senón que “debe debe trasladar a información que manexa o Cecopi”.

Ante unha situación “de extrema gravidade” coma a que se está a producir, “os máximos responsables do Goberno galego teñen que comparecer ante os medios de comunicación “dunha maneira regular, cando menos diaria”, demandou Dacosta. Trátase de que os veciños e veciñas coñezan puntualmente que zonas se atopan en risco, que localidades están confinadas ou foron evacuadas e aspectos tan básicos como que estradas permanecen pechadas e por cales deben circular se precisan desprazarse.

Carmen Rodríguez Dacosta reclamou “absoluta transparencia” porque a cidadanía, dixo, “ten dereito a coñecer a dimensión real da catástrofe e as previsións que manexan os técnicos, a fin de garantir a seguridade e a integridade das persoas que poidan verse afectadas por esta catástrofe”.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------