A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, informa da reorganización da atención sanitaria para este luns nos centros de saúde da provincia de Ourense afectados polos incendios co fin de garantir a atención a toda a poboación.
Debido á incidencia nas telecomunicacións en varios centros de saúde a atención médica centralízase nos centros cabeceira.
Concretamente, a atención médica dos centros de saúde de Carballeda de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras, Rubiá e O Bolo quedará centralizada no centro de saúde do Barco de Valdeorras, se ben estes catro centros de saúde permanecerán abertos e con servizo de enfermería dispoñible.
No caso dos centros de saúde de Petín e de Larouco a atención médica quedará centralizada no centro de saúde da Rúa. Estes dous centros tamén permanecerán abertos e neles tamén estará dispoñible o servizo de enfermería.
O centro de saúde de Viana do Bolo centralizará a atención médica dos centros de saúde de Vilariño de Conso e da Veiga, se ben nestes dous centros estará dispoñible o servizo de enfermería.
Por outra banda, a asistencia médica dos centros de saúde de San Xoán de Río e de Manzaneda centralizarase no centro de saúde da Pobra de Trives. Igualmente, estes dous centros de saúde estarán abertos con servizo de enfermería.
No centro de saúde de Verín quedará centralizada a atención médica dos centros de saúde de Oímbra e de Cualedro e do consultorio de Alvarellos. En todo caso, nestes tres centros de atención primaria estará dispoñible o servizo de enfermería.
Por último, a atención médica no centro de saúde de Chandrexa de Queixa quedará centralizada no centro de saúde de Montederramo, se ben neste centro de saúde estará dispoñible o servizo de enfermería.
Para garantir as comunicacións nos principais centros sanitarios nas áreas afectadas polos incendios da provincia de Ourense instaláronse esta fin de semana antenas para conexión vía satélite (STARLINK), priorizándose aqueles que son cabeceira de comarca, puntos de atención continuada e atendendo ás distancias ao centro de referencia e á poboación.
Así, instalouse este sistema no Hospital Comarcal de Verín, no Hospital Comarcal do Barco de Valdeorras e en centros de saúde como o da Pobra de Trives, Verín, Viana do Bolo, A Rúa, O Barco de Valdeorras, A Mezquita e Vilardevós.
Ademais das accións adoptadas, para garantir a asistencia médica nos centros de saúde mencionados, a Consellería de Sanidade procedeu á reorganización da atención médica nos centros cabeceira, se ben todos os centros de saúde permanecerán abertos e con atención de enfermería, o que permitirá resolver a maioría das atencións de carácter leve.