A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional vén de adxudicar á empresa Conecgal Construcciones S.L. as obras de mellora do Pavillón Municipal Maquiáns, cun orzamento de 48.315,84 euros e un prazo de execución dun mes.
O pavillón, de titularidade municipal, constitúe un espazo compartido entre o Concello de Ribadavia e o IES Ribeiro. Durante as mañás funciona como aula de Educación Física para o alumnado do centro educativo, mentres que polas tardes e nas fins de semana é utilizado polas entidades deportivas locais, a través da cesión do Consello Municipal de Deportes, para a realización de adestramentos e competicións.
As melloras previstas permitirán dotar a instalación de novos recursos e resolver carencias que dificultaban o seu uso en condicións óptimas. Entre as actuacións máis destacadas atópase a colocación dun moderno sistema de canastras colgantes motorizadas, que facilitará a celebración de competicións oficiais de baloncesto e minibasket. Ademais, construirase unha bancada independente da pista de xogo cunha capacidade aproximada para medio cento de espectadores, mellorando así o confort e a experiencia do público asistente.
O proxecto contempla tamén a reorganización dos espazos interiores, co traslado do cadro xeral de subministro eléctrico a unha zona común, o que permitirá liberar o almacén destinado ao material deportivo dos clubs. Xunto a isto, acometerase a reforma deste almacén, abrindo unha nova porta con saída directa á pista para facilitar o seu uso, e instalarase un valado metálico que garantirá unha mellor delimitación e seguridade do terreo de xogo.
Con esta intervención, o Concello de Ribadavia e a Consellería de Educación reafirman o seu compromiso coa mellora das infraestruturas deportivas e educativas, avanzando na posta a punto dun pavillón que seguirá sendo unha referencia fundamental tanto para a práctica deportiva como para o ensino e a convivencia cidadá.