O Partido dos Socialistas de Galicia- PSOE e o Bloque Nacionalista Galego rubricaron un acordo de goberno no Concello de Viana do Bolo, que abarca o período 2025-2027, co obxectivo de garantir a estabilidade política e impulsar unha xestión municipal responsable e transparente. O acordo, asinado polos representantes de ámbalas formacións e os seus responsables a nivel local, establece un marco de cooperación institucional baseado na corresponsabilidade efectiva, solidaria e leal de ambas forzas na acción de goberno municipal.
A proposta de goberno contempla unha alcaldía rotatoria que se desenvolverá en dúas fases claramente definidas. Nun primeiro período, o candidato do PSdeG-PSOE, Germán García-Ávila Arias, ocupará a alcaldía ata o 18 de agosto de 2026, momento no que asumirá o cargo un representante do BNG ata o final da lexislatura. Para garantir a participación equilibrada de ambas formacións na xestión municipal, crearase unha xunta de goberno local integrada por dous membros de cada grupo político, cuxos representantes serán elixidos pola respectiva organización.
Compromiso coa estabilidade institucional
O acordo establece un marco de colaboración que busca superar a situación de bloqueo e parálise que atravesa o municipio. Os grupos asinantes comprométense a garantir a estabilidade do goberno municipal, votando todas as propostas do grupo que detente a alcaldía e aprobando as súas iniciativas de ámbito local no pleno municipal. Como elemento destacado do pacto, no referente aos posibles remanentes de tesourería, cada forza política terá un poder de decisión dun 50% nos ditos fondos, garantindo deste xeito a participación equitativa na toma de decisións sobre os recursos municipais dispoñibles.
O pacto xurde como resposta á necesidade de abordar os problemas estruturais que enfronta Viana do Bolo, entre os que se atopan a crise demográfica, o envellecemento poboacional, a modernización dos servizos públicos e a necesidade de impulsar políticas de revitalización territorial. Ámbalas formacións coinciden en sinalar que a situación actual do concello require unha acción de goberno coordinada e eficaz, deixando de lado os lexítimos intereses políticos particulares para priorizar o benestar da veciñanza e o futuro do municipio.
Novo modelo de xestión municipal
O acordo representa un cambio de modelo na xestión municipal, apostando pola transparencia, a participación cidadá e a utilización responsable dos recursos públicos. As dúas forzas políticas comprométense a traballar conxuntamente para implementar políticas de cohesión territorial, revitalización do rural e desenvolvemento sustentable. O pacto tamén contempla mecanismos para garantir que cada grupo político poida presentar as súas propostas independentemente en ámbitos que non sexan de competencia municipal directa, respectando así a pluralidade política e os seus respectivos programas.
Os asinantes do acordo subliñaron que esta entente responde “á vontade das veciñas e veciños e á necesidade de propiciar a estabilidade política” no municipio, destacando que o obxectivo é “conformar un goberno que responda ás demandas das veciñas e veciños de Viana”. O acordo das forzas asinantes busca “garantir un goberno no concello que faga realidade o cambio demandado pola veciñanza”, baseándose en principios de cooperación institucional e traballo conxunto polo interese xeral do municipio.
Asinantes do acordo:
PSdeG-PSOE: Germán Aurelio García-Ávila Arias (Portavoz municipal), María Ángeles Alonso Veleda (Concelleira), Benigno Basalo Afonso (Concelleiro) e Isaac Pérez Vidueira (Responsable Local).
BNG: Secundino Fernández Fernández (Portavoz municipal), José Antonio Alfonso García (Concelleiro), Graciela Diéguez Rodríguez (Concelleira) e Miguel Méndez Comunhas (Responsable Local).