O alcalde de Verea, José Antonio Pérez Valado, e o presidente do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, Hixinio Araúxo, anunciaron este sábado en Verea o acordo para a sinalización da Poza das Ras, na parroquia de Ourille, como lugar de memoria a través da colocación dunha escultura do artista ourensán Xoán Torres Cidre, que está previsto instalar nos próximos meses.
O memorial, en ferro e con forma cúbica, renderá homenaxe aos mestres Julio González Álvarez, de Gontán (Verea) e Amadeo López Bello, de Beiro (Carballeda de Avia), o chofer Silvio Torres Díaz, de Ourense, e o farmacéutico de Leiro, natural de Vilardevós, Eloy Romero Luis, asasinados na Poza das Ras o 29 de agosto de 1936 despois de ser sacados do cárcere de Celanova.
Familiares de Eloy Romero e Silvio Torres acompañaron ao alcalde e a membros do Comité no anuncio que tivo como escenario o lugar da Poza da Ras, onde se depositaron ademais catro cravos vermellos en honra das vítimas.
LUGAR DE MEMORIA
O Concello de Verea e o Comité dan un paso máis nunha colaboración que se iniciou hai dous anos e que ten como obxectivo a recuperación da memoria das vítimas do fascismo en Verea, e que xa se concretou na homenaxe na Poza das Ras en setembro de 2023 e na solicitude, ese mesmo ano, diante do Goberno do Estado da declaración do espazo como lugar de memoria en cumprimento da actual lei de memoria democrática. O trámite xa superou o prazo establecido sen que desde a Secretaría de Estado de Memoria Democrática se teña comunicado decisión ningunha, polo que desde o Comité se instou ao alcalde a se interesar polo avance do procedemento.
O Comité, que continúa coas pescudas para ampliar a información sobre os catro homes represariados en contacto coas familias, lamentou o falecemento o pasado día 2 de Amadeo López Vieitez, o fillo de Amadeo López Bello e reiterou ás condolencias á familia.
Despois da renovación dos órganos directivos nos prazos estatutarios, o Comité desenvolverá no mes de setembro a campaña anual de renovación e captación de socias e socias e avanzará accións a desenvolver no outono en relación aos espazos de memoria e a batalla pola retirada da simboloxía fascista ao abeiro da lei.