
O Festival Arteficial completa a súa proposta de concertos e actividades para a súa última edición, que se celebrará os días 5 e 6 de setembro (venres e sábado) no Museo Etnolóxico de Ribadavia, nos arredores e no interior da Praza da Madalena e no adro da Igrexa da Oliveira, todos eles espazos situados dentro do conxunto histórico de Ribadavia.
Este ano, o festival contará co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, así como do Concello de Ribadavia, a Deputación de Ourense, o Museo Etnolóxico de Ribadavia, Destilerías Miño (vermú Povarelo, licores Paniagua e A Pócima), Alhambra e Bodegas Gallegas (viño Gran Alanís e Sousas). Arteficial conta tamén co apoio da Asociación Galega de Profesionais de Xestión Cultural (AGPXC) e do Pacto de Cultura Sustentable.
A asociación Arteficial, con sede no corazón do Ribeiro, Ribadavia, aposta ano tras ano por unha programación musical alternativa para a súa gran actividade, o Festival Arteficial. Ao longo de 19 edicións, confía na arte en diferentes formatos como unha maneira de habitar e revalorizar o territorio rural dende unha perspectiva contemporánea, pero sen perder de vista as tradicións. Pasaron polo festival agrupacións de Galicia e Portugal como Fillas de Casandra, Def Con Dos, First Breath After Coma, Whales, Noiserv, Laura Lamontagne e Pico Amperio, Surma, Malandrómeda e outras do panorama nacional e internacional como Los Coronas, Deva, Havalina, Austin TV (México) ou Blaak Heat (EE.UU.).
Entre as accións a destacar, Arteficial conta cunha entrada gratuíta e accesible para todos os públicos. Seguindo o seu pensamento de creación de comunidade e fortalecimento da mesma, hai xa algunhas edicións que iniciaron unha colaboración coa Cruz Vermella do Ribeiro, que consiste na recollida de alimentos como entrada simbólica e voluntaria ao recinto do festival: alimentos non perecedeiros ou bens de hixiene para nenos. Por suposto, o festival conta tamén con actividades interxeracionais e para a infancia, intervencións artísticas e cunha zona gastronómica de Km0.
Ademais, os escenarios dos concertos están situados en espazos coidadosamente seleccionados no corazón do conxunto histórico de Ribadavia. En horario diúrno, o da antiga Igrexa da Madalena (reconvertida nun espazo sociocultural) ou escenario principal da Praza da Madalena, e os DJs situados no Miradoiro da Praza de Buján. En horario nocturno, o situado no fantástico adro da Igrexa de Santa María da Oliveira para o peche do festival.
Un ano máis, Arteficial establece unha colaboración co Museo Etnolóxico de Ribadavia, onde acollerá a exposición “Narrativas futuras. As ruínas do rural”, comisariada polos artistas multidisplinares Alba Casas e Adrián Riveiro. Trátase dun proxecto que valora a ruína como medio para imaxinar e proxectar novas narrativas posibles no campo galego. A través da investigación e da práctica artística, busca construír unha relación renovada coas formas de vida que nos rodean. A ruína é a sombra do progreso, pero tamén pode ser un lenzo que nos permite imaxinar outros futuros, quizais utópicos, no noso campo. A ruína, os seus rastros, imaxes e sons configuran neste proxecto un encontro efectivo entre diferentes temporalidades. A multiplicidade da ruína no campo, aínda descoñecida, é un espazo de excepción, un baleiro cheo de potencialidades de existencia no rural.
As bandas confirmadas para esta edición do Festival Arteficial son: Gondawa (Francia); Mybe Ebrima (Gambia); Abril (VIgo); Charnego (Madrid); Rompecinturas Selektor+Karaoke con Esteban (Santiago de Compostela); Paula RR (Ourense); Isaac Pedrouzo (Ourense) e Ulex (Santiago de Compostela), ademais da banda de gaitas Airiños da Arnoia, que se encargará dos pasarrúas de apertura do festival.
Ademais dos concertos, as xornadas do 5 e 6 de setembro contarán con outras actividades, coma “O Mercado das Sementes”, onde artistas e comerciantes galegos poderán mostrar e vender as súas creacións, como roupa, ilustracións, vinilos ou obxectos para o día a día. Arteficial habilita un espazo solidario neste para colectivos afectados polos incendios. Así, a organización quere amosar o seu apoio ás comunidades afectadas polos recentes incendios na comarca. Por iso, o festival cederá un espazo dentro desta zona para que asociacións veciñais, colectivos e comunidades directamente afectadas poidan dar visibilidade á súa situación, difundir iniciativas ou recadar fondos destinados á recuperación dos seus montes e espazos. Unha iniciativa que reforza o compromiso social e comunitario do festival, abrindo as súas portas á solidariedade e á participación cidadá.
Tamén haberá cunha zona gastronómica de ‘Km. 0’ onde se poderán degustar pratos deliciosos coidando o medio ambiente, xa que os organizadores do festival procuran que os integrantes desta zona sexan o máis locais posible para reducir emisións e así incentivar o comercio da nosa comarca.
Ademais, hai organizadas actividades para nenos e nenas, para que todos os asistentes ao festival (interxeracional) poidan disfrutar deste máxico evento. Nesta edición, organizáronse dúas actividades: unha delas de cerámica e interpretación do patrimonio local, a cargo de Xeitura, e outra a cargo de Gabi Reboredo sobre iniciación ao baile tradicional, para todos os públicos.