A sesión extraordinaria da Corporación do Carballiño que foi solicitada polo grupo municipal de Espazo Común, a fin de debater en profundidade a situación municipal área por área e aportar propostas para mellorar a súa xestión, terá lugar mañá dende as 9,00 horas. A orde do día proposta por Espazo Común contempla o tratamento diferenciado de catro mocións, sendo a primeira relativa a economía, funcionamento interno, transparencia e participación cidadá.
Nela solicitan a convocatoria do Consello de Participación Cidadá no vindeiro mes para facilitar toda a infomación que este demande sobre o funcionamento municipal e o compromiso de contar con este na elaboración de futuros orzamentos; a actualización do Inventario Municipal de Bens; a elaboración dun plan de remunicipalización de servizos que remate coa febre privatizadora dos últimos anos; a entrega de toda a documentación legalmente solicitada pola oposición no prazo de 15 días ou a certeza de que esta terá que ser entregada a través do xulgado; a entrega aos voceiros da corporación da documentación solicitada dende hai anos sobre a situación do Asilo dos Irmáns Prieto; a publicación no Portal de Transparencia conforme a lei determina de toda a información sobre as contratacións feitas polo Concello: a convocatoria dunha xuntanza cos diferentes colectivos da vila para tratar a cuestión das subvencións de xeito participativo; a eliminación da entrevista como elemento puntuable nas contratacións de persoal e unha reunión dos grupos da Corporación cos membros do Grupo Municipal de Emerxencias para reconducir a situación deste servizo.
A segunda moción refírese a infraestruturas, obras e medio rural, e inclúe a elaboración dun plan de infraestruturas para os vindeiros 20 anos que pemita acometer a construción do Carballiño do futuro; a convocatoria urxente do Consello Municipal de Saúde para tratar a situación do actual e do futuro Centro de Saúde; a elaboración dun plan de prevención de inundacións en todo o concello e a convocatoria de tódalas asociacións veciñais do medio rural a unha reunión con tódolos partidos da corporación para coñecer as súas necesidades e establecer un Plan de Actuación para a Recuperación do Rural.
O terceiro apartado é o relativo a temas de política social, educación, deportes, comercio e industria. Así, Espazo Común solicita a reprobación do goberno municipal do Carballiño pola súa nefasta xestión do contrato do Servizo de Axuda no Fogar; a creación dun Consello Municipal de Política Social que permita unha reorganización desta área coa participación de tódolos axentes afectados; a elaboración dentro do plan de infraestruturas municipal dunha parte específica para instalacións deportivas; a convocatoria dunha reunión urxente da Mesa Local de Comercio para tratar a situación do pequeno comercio e da Praza de Abastos e unha xuntanza cos técnicos da Xunta e toda a corporación para coñecer a situación exacta da ampliación do Parque Empresarial.
Finalmente, medio ambiente, mobilidade e seguridade son os eidos que esta formación política plantexa para o seu debate pola Corporación carballiñesa, propoñendo a elaboración dun proxecto integral de futuro para o Parque Municipal e do comprometido plan de mobilidade e accesibilidade, ademais da convocatoria dunha reunión con técnicos do Ministerio para tentar acadar solucións ao problema da N541 ao seu paso polo Carballiño.