O Liceo de Ourense acolle este venres a presentación do ensaio “Repil 20 de abril de 1949”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O salón de tertulias do Liceo de Ourense acolle este vindeiro venres, 5 de setembro, a presentación de “Repil 20 de abril de 1949”, un ensaio colectivo de Xurxo Ayán e Olga Novo en Edicíóns Positivas. O acto terá lugar ás 20,00 horas e está organizado pola Asociación Amigos da República de Ourense, os coordinadores do libro e a propia editorial.

A coñecida como “Batalla de Repil”, que tivo lugar o 20 de abril de 1949 en Chavaga, no límite entre os concellos de Pobra de Brollón de Monforte, na provincia de Lugo, foi un enfrontamento clave que marcou o comezo do fin da loita guerrilleira na rexión e é lembrado como un fito na represión franquista e na resistencia antifranquista.

“Repil 20 de abril de 1949” é o título dun ensaio colectivo, editado polo arqueólogo Xurxo Ayán e pola poeta Olga Novo, que vén de ver a luz da man de Edicións Positivas. Participan outros autores como Alfredo González Ruibal, Marcia Lika Hattori, Carlos Otero Vilariño, Manuel A. Franco Fernández, Santiago Macías, Mario Bueno Aguado, Rosa Martínez Valcárcel, Luis Antonio Ruiz Casero ou Cristina Incio del Río.

Son máis de 300 páxinas dun traballo que vai “directo ao estómago e ao corazón”, en palabras de Ayán, que adianta os seus contidos: “Ciencia Cidadá, Historia Pública. Arqueoloxía Comunitaria. Arqueopoética”. O libro examina as raíces deste suceso, a vida na parroquia, a represión franquista e reconstrúe a historia local, presentando testemuños e documentos sobre un tráxico acontecemento de posguerra.¨Nas páxinas deste libro, poñen nomes ás vítimas e, crucialmente, aos asesinos; e escriben a historia deste pequeno lugar, que non deixa de ser a historia universal do sufrimento, da dor mais tamén da solidariedade e resistencia que provoca a represión autoritaria. Un libro ben recomendable para coñecer o que sucedeu en Repil, Chavaga e o pulo do movemento agrario na Pobra do Brollón, nas Terras de Lemos.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------