Mañá, venres, 5 de setembro, comezan en Ribadavia as Festas do Portal 2025, unha das citas máis agardadas pola veciñanza do Ribeiro e que se prolongarán ata o vindeiro martes, día 9 de setembro. A xornada inaugural contará cun dos momentos máis especiais da programación: o concerto da mítica banda de rock Burning, que traerá á vila o seu son inconfundible, cun repertorio cargado de clásicos.
O grupo madrileño, creado en 1974 e considerado precursor do espírito da movida e do rock urbano en castelán, mantivo ao longo de cinco décadas un estilo fiel ás súas raíces: rock and roll clásico, rythm and blues e blues, con influencias de Lou Reed, The Rolling Stones ou The New York Dolls. “Que Ribadavia poida abrir as festas cun concerto desta lenda viva do rock español é un auténtico luxo”, destaca a concelleira de Cultura, Yolanda Gómez.
O alcalde, César Fernández, subliña que o arranque das festas reflicte a filosofía que guía todo o programa: “Están pensadas para todos os públicos, para que toda a veciñanza e quen nos visite atopen a súa maneira de desfrutar. O concerto de Burning será sen dúbida un dos pratos fortes”. “Convidamos a toda a comarca e a quen queira achegarse a Ribadavia a gozar dunha noite histórica cunha banda que marcou o rock en España”, animou a concelleira.
O mítico grupo de rock Burning abrirá mañá o programa de concertos ás 23,00 horas, na rúa Redondela, pechando a verbena a discomóbil Euphoria na rúa Progreso. O sábado, día 6,terá lugar a novena edición da ‘Quedada de Motos Clásicos do Ribeiro’ e o primeiro desfile dos xigantes Don Pedro e Dona Ana, acompañados polos cabezudos e cabezudiños e o grupo de gaitas Airiños da Arnoia. Á tardiña haberá un pasarrúas da charanga CLK, correndo a verbena a cargo da orquestra Royal Espectáculo, dende as 22,30 horas, no patio do IES O Ribeiro.
A charanga Bandiños Band será a encargada de animar as rúas ao mediodía do domingo, día 7, antes da saída dos xigantes e os cabezudos, ás 12,30 horas, e, pola tarde, a asociación de Mulleres Rurais de Ribadavia comezará a elaborar, fronte ao Castelo, a alfombra floral para a procesión da Virxe coma ofrenda do Concello de Beade. Ás 19,30 horas, no parque dos Xardinillos, Pakolas presentará “A Ramona pequena vai á lúa”, e a verbena estará protagonizada pola orquestra Ritmo Joven e a discomóbil MVP, na rúa Progreso.
Xa o luns, día 8, festividade local da patrona, haberá ás 10,30 horas unha recepción ás autoridades na Casa do Concello, antes da saída, media hora máis tarde, da procesión da Virxe do Portal co acompañamento da banda de música A Lira. Ás 12,00 está prevista a misa solemne na igrexa de Santo Domingo, oficiada polo bispo de Ourense, Leonardo Lemos, e cantada polo coro de cámara do Club Artístico, e na que o alcalde de Beade, Fernando Taboada, dará lectura da ofrenda á Virxe dos concellos do Ribeiro. Os xigantes e os cabezudos, co animación musical do grupo de gaitas Castrodeallo, voltarán a percorrer o casco urbano ás 13,30 horas.
Pola tarde, a banda A Lira ofrecerá un concerto ás 20,00 horas no auditorio Rubén García, e, dende ás 22,00 horas, o grupo Gin Toni’s poñerá a ambientación musical da verbena xunto ao Castelo, rematando a xornada cunha gran tirada de fogos de artificio, da man da pirotecnia Josman.
O martes, día 9, oficiarase unha misa na igrexa de Santo Domingo, cantada polo coro parroquial, previa á procesión de retorno da Virxe do Portal á súa capela, acompañada pola banda de guerra da Brilat galicia VII, e á recepción posterior dos xigantes Don Pedro e Dona Ana.