O BNG presentou hoxe no Carballiño unha campaña de apoio ó comercio local

O BNG do Carballiño presentou esta mañá a campaña de apoio ao comercio local. Baixo o lema “mellor local, mellor galego”, tentan incentivar á veciñanza a consumir produtos galegos e no comercio local para axudar á reactivación económica e social. 

A concelleira na vila do Arenteiro Sofía García fixo un chamamento a toda a veciñanza para que “neste momento de grandes compras no que nos atopamos como consecuencia do nadal, nos fixemos no comercio local e de proximidade xa que as nosas compras revirten na riqueza da nosa vila e evitan que se convirta nun deserto comercial”.

AVANTAR ACTIVIDADES

García engadiu que “o comercio local ten ese valor engadido de contar cun trato personalizado, todas sentimos unha agradable sensación ao entrar nas nosas tendas de barrio onde xa nos coñecen, onde o trato é moi familiar e onde mesmo coñecen os nosos gustos”. Por último, a concelleira Sofía García afirmou que “cómpre manter o apoio ao comercio locar ao longo de todo o ano” polo que abogou por políticas de apoio e visibilización.

Para a deputada Noa Presas é fundamental que consumamos produto do país porque iso “xera riqueza e emprego na nosa contorna”. Presas, afirmou que, “o comercio local xera centos de postos de traballo e serve para dinamizar as nosas vilas e cidades, algo moi necesario”.

No BNG son conscientes de que “estamos nun momento delicado para o comercio local, a anterior crise financeira destruiu máis de 3.500 pequenos comercios no noso país”. Ante esta situación, Presas afirmou que “non chega soamente co apoio individual da veciñanza senón que a Xunta ten que implicarse en serio co sector”.

A deputada do BNG por Ourense animou á veciñanza a facer as súas tendas de nadal nas tendas de proximidade e no pequeno comercio ao tempo que enunciou catro medidas que os nacionalistas reclaman ás administracións para incentivar e dinamizar ao sector.

1. Aprobación dunha nova lei de comercio de Galiza consensuada e pactada co sector para por punto e final á política de liberalización que fomentou o PP.

2. Plataforma de venda online a nivel galego.

3. Liña de axudas específica para a dixitalización e modernización do pequeno comercio con cargo aos orzamentos da Xunta.

4. Nova moratoria para a apertura de grandes superficies comerciais en Galiza.