O delegado da Xunta en Ourense visita ós mozos que participan no campo de voluntariado de Esgos

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado do alcalde, Mario Rodríguez, o campo de voluntariado que a Xunta desenvolve no concello de Esgos, para coñecer de primeira man as actividades que están a levar a cabo os 15 mozos e mozas, de entre 18 e 30 anos,  no eido etnográfico.

Na provincia de Ourense desenvolveranse nesta edición de 2022 un total de nove campos de voluntariado repartidos nos concellos de Muíños, Vilariño de Conso, Bande, Monterrei, Pereiro de Aguiar, Celanova, Larouco, A Veiga, e Esgos.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén significou o labor dos participantes, chegados a maior parte de fora de Galicia, que realizan tarefas de recuperación da memoria etnográfica dos seus pobos. Esta recuperación leva consigo un proceso de dixitalización de antigas fotografías dos veciños do concello para a posterior creación dunha exposición virtual.

Tamén se traballará na creación de podcast mediante entrevistas con tódalas persoas maiores nas que se seguirán recollendo as súas vivencias e recordos da historia do concello; potenciando a figura da muller do rural, recuperando aquelas historias de como se vivía antes e facendo ver a súa evolución a través da tradición oral.

Así mesmo, realizarase a catalogación do inventario etnográfico municipal para a súa posta en valor: fontes, lavadoiros, airas, cabaceiros, cruceiros, petos de ánimas e fornos.

A estadía dos voluntarios no concello de Esgos complementarase cunha serie de actividades de ocio como o tiro con arco, a carreira de orientación, o deporte e os xogos tradicionais.

Ribeira Sacra

O Concello de Esgos está situado na provincia de Ourense, na denominada Ribeira Sacra ourensá. Caracterizase pola súa poboación eminentemente rural e agraria, cun forte arraigo nas tradicións do interior da Galicia máis profunda.

Neste concello atópase o conxunto monacal máis antigo de Galicia, o mosteiro de San Pedro de Rocas, o único onde se conservan as covas medievais que serviron de espazo de culto na zona.

A realidade dun municipio como Esgos presenta unha necesidade pola recuperación da súa historia, costumes e usos que o Concello quere recuperar para dar continuidade aos traballos iniciados o ano pasado, que se van acrecentar este ano coa aplicación das novas tecnoloxías.

Ao mesmo tempo, preténdese que sexa un campo de voluntariado dinamizador da mocidade da comarca. Nos concellos do interior atopar alternativas reais para os mozos de 18 a 30 anos nas que se poidan relacionar con rapaces a rapazas da súa mesma idade é complicado, e este campo de voluntariado pode dar oportunidades, así como ser un moi bo principio para conseguir un voluntariado local que é moi necesario.