
Ribadavia volveu vestir hoxe as súas mellores galas para celebrar un dos momentos máis emotivos e concorridos das festas patronais: a procesión da Virxe do Portal. A cita, que cada ano congrega a centos de fieis e visitantes, é un dos piares dunhas festas que deron comezo o pasado venres e que se prolongarán ata mañá, martes.. Ás 10,30 horas tivo lugar unha recepción ás autoridades na Casa do Concello, antes da saída, media hora máis tarde, da procesión da Virxe co acompañamento da banda de música A Lira, nun percorrido polo casco urbano no que destaca a tradicional alfombra floral colocada fronte ao Castelo dos Sarmiento, elaborada pola Asociación de Mulleres Rurais.
Un dos sinais de identidade desta procesión é esta alfombra, que, ano tras ano, se confecciona con dedicación e agarimo por integrantes da asociación e numerosos voluntarios e voluntarias. Desde onte á tarde, arredor das 19.00 horas, traballaron arreo para dar forma a este tapiz de cores e formas que engalanou as rúas, converténdose nun auténtico lenzo efémero en honra á Virxe. Unha composición duns 37 metros de longo por 8 de ancho na que se combinan mirto, cravel branco, margarita amarela, area de cores e borra de café especialmente; e na que se leva traballando desde a semana anterior, comezando por desfacer o mirto. Nesta ocasión, a alfombra incluíu tamén a ofrenda ao Concello de Beade, reforzando o espírito de unión e comunidade entre os municipios da comarca do Ribeiro.
Ás 12,00, a igrexa de Santo Domingo acolleu a misa solemne, oficiada polo bispo de Ourense, Leonardo Lemos, e cantada polo coro de cámara do Club Artístico, e na que o alcalde de Beade, Fernando Taboada, deu lectura da ofrenda á Virxe dos concellos do Ribeiro, tendo en conta que a Virxe do Portal tamén é a patrona da comarca. Tal e como apuntaba o propio rexedor, “representa a unidade de tódolos veciños do Ribeiro, e góstanos formar parte desta unidade, porque todos xuntos somos máis fortes”.
Os xigantes e os cabezudos, co animación musical do grupo de gaitas Castrodeallo, foron os encargados de animar as rúas da vila, e, pola tarde, a banda A Lira ofreceu un concerto ás 20,00 horas no auditorio Rubén García. Dende ás 22,00 horas, o grupo Gin Toni’s puxo a ambientación musical da verbena xunto ao Castelo, rematando a xornada cunha gran tirada de fogos de artificio, da man da pirotecnia Josman.
Mañá martes, día 9, oficiarase ás 18,30 horas unha misa na igrexa de Santo Domingo, cantada polo coro parroquial, previa á procesión de retorno da Virxe do Portal á súa capela, acompañada pola banda de guerra da Brilat Galicia VII, e á recepción posterior dos xigantes Don Pedro e Dona Ana.
(Vídeoreportaxe da procesión no enlace de Facebook: https://www.facebook.com/share/v/1CR66M7hPH/)