O grupo municipal de Espazo Común vai presentar unha moción para o seu tratamento polo pleno da Corporación para que se anule a suba dun 234% no recibo pola recollida de lixo ás vivendas da zona rural do Carballiño. Concretamente, piden “a anulación dos recibos do lixo emitidos pola Deputación para o ano 2025 e a súa substitución por recibos co importe de anos anteriores, moito máis axustado á realidade”, e, tamén, “a anulación do acordo plenario votado por PP e PSOE polo que se lle entregou o control sobre a taxa do lixo á Deputación”.
Asemade, dende este grupo avanzan que as concelleiras e concelleiros de Espazo Común, “xunto cos responsables da área rural está a traballar para organizar a esta semana unha xuntanza coas asociacións veciñais para recoller en primeira persoas as queixas, suxerencias e demandas dos máis afectados a este respecto”.
Salientan que “os fogares que viñan pagando 24 euros ao ano pola recollida un ou tres días semanais, van a pasar a pagar catro recibos de 20 euros, un cada tres meses, e así, no total do exercizo 2025, terán que desembolsar un total de 80 €”. “O gran pelotazo do lixo do Carballiño afecta sobre todo ás parroquias e despois temos que escoitar como a todo o mundo se lle enche a boca falando de promover o rural, de loitar contra o despoboamento, etc.”, subliñan.
E engaden que “esta nova barrabasada do PPSOE tamén leva por diante aos veciños do casco urbano, que verán incrementado o seu recibo nun 7% sen que o servizo presente mellora algunha, máis ben as queixas son a constante por contedores en mal estado, ateigados e fedorentos”.