Gabriel Alén salienta o traballo realizado pola entidade cimo para fomentar a inclusión sociolaboral

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, salientou o traballo realizado pola entidade CIMO para fomentar a inclusión sociolaboral en Ourense. Fíxoo esta mañá logo de realizar un encontro con representantes desta organización nas súas instalacións da cidade das Burgas, no que 15 alumnas principiaron onte un curso de auxiliares de comercio.

Trátase dun dos programas integrados de emprego que a Consellería de Emprego e Igualdade puxo en marcha na provincia de Ourense en decembro de 2020 ata novembro de 2021, e no que veñen participando 100 mulleres, e no que a Administración galega leva investido máis de 1M de euros nos últimos anos. Compre lembrar que este o único dos catro programas que se desenvolven na provincia dedicados exclusivamente á participación de mulleres.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, subliñou que a gran vantaxe destes proxectos é que deseñan un itinerario integral e individual para os participantes e inclúen accións personalizadas de diversa natureza -como información, orientación, asesoramento e formación- combinadas con prácticas laborais.

Publicidade Premer na Imaxe

Gabriel Alén lembrou que os programas integrados de emprego, que teñen uno ano de duración, están enfocados a mellorar a ocupación das persoas desempregadas establecendo como obxectivo a inserción laboral dun mínimo do 45% dos seus participantes.

O delegado territorial conversou coas alumnas participantes neste programa e comprobou o seu desenvolvemento. As 100 mulleres participantes levan a cabo técnicas para mellorar a busca de emprego e a realización de entrevistas de traballo, ao tempo que desenvolven accións específicas de formación naquelas materias que escollan entre as ofertadas como  operacións básicas de cociña ou actividades auxiliares de comercio, que complementan con materias transversais en novas tecnoloxías ou inglés.

O representante do Goberno galego lembrou que ademais desta liña de colaboración, as entidades CIMO foron beneficiarias das axudas para desenvolver accións formativas do Plan formativo para o emprego da Comunidade Autónoma de Galicia que dende o ano 2009 acadaron preto de 5M de euros.

O Goberno galego, a través desta folla de ruta, vén activando ao longo deste ano diversos programas e axudas enfocados a ampliar as oportunidades laborais dos galegos e galegas como son os cursos de formación, os obradoiros ou as lanzadeiras de emprego