O BNG inicia esta semana unha campaña de apoio aos salón de peiteado, estética e barberías no que a rebaixa do IVE ao 10% é a principal reclamación

Estamos diante dun sector fortemente golpeado pola crise orixinada pola COVID-19 e que aglutina en Ourense a algo máis de 250 establecementos, sendo un importante sector na xeración de emprego

Dentro da ronda de encontros que desde o BNG se está a menter ao longo dos últimos meses con diversos sectores económicos e sociais para coñecer como están vivindo a crise derivada da pandemia, cales son as necesidades máis acuciantes así como as perspectivas de futuro, o sector que engloba aos salóns de peiteado, estética e barberías son dos que máis están a sufrir as consecuencias.

AVANTAR ACTIVIDADES

Se falamos de Ourense, estamos diante de máis de 250 establecementos, o que supón unha importante aportación tanto en termos económicos como de xeración de emprego no Concello de Ourense. Mais as estimacións do propio sector é que no ano 2020 ao redor do 20% tiveron que pechar as súas portas e o que resulta máis inquedante aínda, as previsións para o ano 2021 son do feche de outro 20%.

Para o BNG o obxectivo do encontro mantido o pasado venres coa asociación de perruqueiras e perruqueiros de Ourense era precisamente intercambiar impresións co colectivo para trasladar algunhas cuestións que desde o punto de vista político están a impulsar nas distintas institucións, e o máis importante, coñecer as demandas do sector para ser ser útiles aos lexítimos intereses do mesmo.

Segundo os nacionalistas, a nivel do concello, e a pesares de que non ter competencias directas, se poden facer moitas cousas para axudar. Desde o BNG comprometéronse a seguir traballando na rebaixa do IVE do 21% actual ate o 10%. Esta é unha reclamación do sector desde que no ano 2012 o goberno do PP decidira aumentar a porcentaxe en 13 puntos alegando que era unha suba temporal, o certo é que dita rebaixa ainda non se produciu polo que o BNG no Congreso xa presentou unha emenda aos orzamentos do Estado neste senso, emenda que non foi tida en conta, polo que insistirán a través dunha proposición non de lei.

A rebaixa no recibo da luz é unha reclamación que fan tamén desde o sector polo que de novo, os nacionalistas trasladaron a necesidade de por en marcha unha tarifa eléctrica galega que permitise abaratar o recibo non soamente dos fogares senón tamén da industria e do resto de sectores económicos. Galiza é excedentaria en produción eléctrica e pola contra é onde máis caro resulta o recibo.

As axudas a autónomos e a simplificación da tramitación das mesmas tamén foi outra das cuestións abordadas en dita reunión así como a necesidade de que as institucións se impliquen na mediación entre arrendadores e arrendatarios xa que moitos establecementos son de aluguer, tendo actualmente moitas dificultades nalgúns casos para facer fronte ás mensualidades.

Para o BNG faise imprescindíbel a constitución da mesa para a recuperación económica e social de Ourense tal e como se aprobou en pleno, para poder abordar as cuestións que lle afectan a todos os sectores económicos e sociais do concello, en dita mesa por suposto, debera estar representado o sector dos salóns de peiteado, estética e barberías e así llo trasladaron os nacionalistas na reunión mantida o pasado venres ao sector.

A campaña que o BNG inicia esta semana pretende darlle pulo ás reivindicacións dos salóns de peiteado, estética e barberías e que levan anos pondo enriba da mesa e acadar sobre todo e dunha vez por todas a tan ansiada rebaixa do IVE ao 10%.