Con motivo do 25 de Novembro, conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller, dende o Programa de Educación Familiar da Mancomunidade de Concellos do Carballiño viñamos traballando nos últimos anos en colaboración cos Concellos para a realización de actividades comunitarias, financiadas polo Fondo Social Europeo. Neste eido, leváronse a cabo diversas edicións de contacontos para toda a familia nos concellos integrantes: Bearíz, Boborás, Irixo, Piñor e San Amaro, sempre tendo unha gran acollida e participación.

Este ano,  a pandemia provocada pola Covid-19 conleva unha serie de restricións que limitan a realización de actividades grupais presenciais dun xeito seguro e efectivo. Por este motivo, o Equipo Técnico do Programa pon en marcha a iniciativa innovadora denominada Contos pola Igualdade,  que no canto de dirixirse a toda a poboación o que se centrará é en apoiar na tarefa de educar en igualdade nas familias coas que se está a realizar intervención familiar individualizada. É ben certo que son moitas as actividades comunitarias que se veñen realizando, pero é o traballo con familias en situación de risco é o punto central do mesmo, apoiando e axudando ás familias con menores a cargo con diversas problemáticas (conflitividade familiar, menores en situación de risco, drogodependencias…). O Programa de Educación Familiar da Mancomunidade de Concellos de O Carballiño conta cun equipo técnico formado por 4 educadoras familiares, que actualmente están a intervir con máis de 30 familias e cun total de 47 menores. Serán estes últimos os destinatarios da iniciativa Contos pola Igualdade, de maneira que ó longo deste mes as educadoras farán entrega ás familias dun conto para cada menor que trate temas vinculados á igualdade de xénero, para traballar de maneira amena e lúdica cos seus fillos e fillas . Os contos foron escollidos tendo en conta varios factores, incluída a idade, permitindo así levar a cabo unha actividade o máis individualizada posible. É importante a colaboración dos pais e nais nesta iniciativa, para acompañar a aqueles más cativos que aínda non saiban ler, e para apoiar e animar a aqueles más grandeiros a facer deste un mundo mellor e máis igualitario.