‘Arteficial’ tivo unha acollida excepcional por parte do público coa ollada posta na súa 20ª edición

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Festival Arteficial celebrou a súa 19ª edición en Ribadavia os días 5 e 6 de setembro cunha acollida excepcional por parte do público e da comunidade. Foron dous días nos que a música, a cultura e a convivencia deixaron pegada no corazón do Ribeiro, consolidando
unha vez máis o carácter alternativo, comunitario e sostible que distingue a este encontro. Con esta edición, Arteficial segue medrando e avanzando cara á súa 20ª edición, que suporá un fito moi especial na historia do festival. O éxito de 2025 confirma a relevancia do
proxecto como espazo de encontro cultural e comunitario, así como a súa capacidade para proxectar a Ribadavia no mapa cultural galego e estatal.

O festival quere recoñecer e agradecer o compromiso de todo o tecido asociativo, comercial e institucional que o fai posible ano tras ano. Nesta edición, a colaboración de entidades locais, marcas amigas, veciñas, voluntariado, provedores e institucións públicas resultou
fundamental para consolidar un modelo de festival sostible, de balde, aberto á comunidade e enraizado no territorio. Este ano o festival contou co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, así como do Concello de Ribadavia, a Deputación de Ourense, o Museo Etnolóxico de Ribadavia, Destilerías Miño (vermú Povarelo, licores Paniagua e La Pócima), Alhambra e Bodegas Gallegas (viño Gran Alanís e Augas de Sousas). Arteficial conta tamén co apoio da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e do Pacto de Cultura Sustentable.

Ademais da programación musical, Arteficial presentou este ano a exposición ‘Narrativas Futuras’. As ruínas do rural, un proxecto de Alba Casas e Adrián Riveiro que explora a ruína no rural galego como espazo de memoria e posibilidade. A mostra, que se puido visitar no
Museo Etnolóxico de Ribadavia, reafirma o compromiso do festival coa creación contemporánea e coa posta en valor das novas narrativas culturais que xorden desde o territorio.

Do mesmo xeito, Arteficial salienta a implicación das bandas participantes, así como da cidadanía, que volveu encher de vida as rúas e prazas de Ribadavia, confirmando que este proxecto é, sobre todo, unha celebración colectiva. Con vistas á súa XX edición, Arteficial aspira a reforzar a súa proxección cultural durante todo o ano e a seguir contribuíndo á dinamización social, económica e cultural da vila,
mantendo sempre o seu espírito innovador e comunitario.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------