O PSdeG-PSOE do Carballiño inicia unha nova andaina abrindo as súas portas a toda a veciñanza

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O contacto diario coas veciñas e veciños, a escoita das súas inquedanzas e suxestións e a coordinación cos seus representantes políticos no Concello son as metas que se marca a nova executiva local do PSdeG-PSOE do Carballiño.

Unha nova andaina na que será fundamental a convocatoria regular de asambleas para que a militancia exprese libremente a súa opinión e que elo repercuta na creación de sinerxias coa cidadanía, a fin de que ésta sexa a propia transmisora das incidencias ou problemas que poida detectar, co obxectivo de procurarlles unha pronta resolución.

Neste sentido, a nova dirección local socialista dá un primeiro paso abrindo a súa sede social, ubicada na rúa Perfectino Viéitez da vila, os primeiros sábados de cada mes a partir do vindeiro 4 de outubro, en horario de 11,00 a 13,00 horas.

Dende a Agrupación Socialista do Carballiño plantéxase a organización de campañas informativas; conferencias de persoeiros de relevancia e a celebración de eventos de confraternización coa militancia e simpatizantes da formación política, tamén abertos a calquera persoa do Carballiño ou da súa comarca que desexe participar.

Por outra banda, estase a traballar nunha publicación que recolla a historia do movemento progresista e da propia traxectoria da agrupación socialista no Carballiño.

A executiva que dirixe Manuel Sotelo Vila pretende mellorar aspectos da presenza nas redes sociais e proporcionar un fácil acceso da veciñanza ao partido. Ao respecto, ademais do perfil de Facebook (PSdeG-PSOE do Carballiño) creouse unha dirección de correo (socialistascarballino@gmail.com) e un número de teléfono (623.611.071).

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------