Gonzalo Caballero reclama a Feijóo que manteña o profesorado de reforzo en setembro

Publicidade ASPADISI

Gonzalo Caballero reclama a Feijóo que manteña o profesorado de reforzo en setembro: “non pode ser que volva das vacacións para despedir a 1.000 docentes cando a xunta recibe 828 millóns extra do estado para servizos públicos”

O líder do PSdeG require á Xunta que deixe de escatimarlle fondos aos concellos “porque estes resolven moitos problemas do día a día” da xente

HIPER MASIDE

Caballero traslada o seu compromiso coas demandas de Valdeorras en compañía do alcalde do Barco, Alfredo García, a alcaldesa de Petín, Raquel Bautista, e o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez

“O cinismo do goberno do PP en Galicia non ten límites”. Así replicou o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, ás queixas da Xunta sobre unha suposta falta de fondos para o profesorado de reforzo, obviando que o goberno de España transferirá á comunidade 828 millóns de euros extraordinarios para educación, sanidade e servizos sociais entre setembro e novembro; unha contía do fondo extraordinario pola covid que o Estado distribúe entre as comunidades.

Gonzalo Caballero visitou hoxe O Barco de Valdeorras, onde advertiu que “non pode ser que Feijóo vaia volver das vacacións para despedir a 1.000 profesores e profesoras de reforzo contratados no curso 20-21 e que agora os quere poñer na rúa a pesares dos fondos que a Xunta recibe para fortalecer a sanidade e a educación pública”.

De feito, o máximo dirixente do socialismo galego apuntou que, en contra das afirmacións da Xunta, Galicia vai ser a quinta comunidade que máis fondos covid perciba do goberno de España no que queda de ano, un total de 828 millóns de euros dun montante de 13.000 que se vai repartir entre todas as autonomías para fortalecer os servizos públicos.

“Claro que hai fondos extraordinarios para educación!”, remachou, logo de acusar a Feijóo de “facer caixa” cos cartos que recibiu do Estado para enfrontar a covid. “Ten cartos para manter os contratos para os profesores de reforzo, o que hai é que saber xestionar e ter vontade”, agregou o dirixente socialista, consciente de que “non pode ser que o goberno autonómico non teña compromiso cos servizos públicos e que reste dereitos aos galegos e galegas”.

Fronte a isto, o líder do PSdeG reclamou ao presidente da Xunta que “fortaleza a educación mantendo aos profesores de reforzo contratados no curso pasado”, e ofreceu “man tendida para un gran acordo de país para fortalecer a educación pública, a sanidade pública e os servizos sociais”. “En momentos de reactivación, o estado do benestar é a mellor garantía para que ninguén quede atrás”, concluíu.

VISITA A VALDEORRAS

En paralelo, na súa visita a Valdeorras, Gonzalo Caballero abordou os problemas provocados polos recortes do goberno galego na sanidade pública. Sinalou que “non pode ser que a Xunta queira converter á medicina en atención telefónica, non pode ser que recorten servizos no Hospital de Valdeorras e que os veciños e as veciñas teñan que ir a Ourense para tantos servizos que deberan prestarse” na localidade.

“Non pode ser que un veciño de Valdeorras teña menos dereitos que un que vive en Madrid ou Santiago”, recalcou o responsable do PSdeG, aludindo tanto á educación e a sanidade públicas como ao “impulso dos compromisos nas infraestruturas, a industria ou o emprego”.

Así o dixo nun acto no que estivo acompañado polo alcalde do Barco, Alfredo García; o de Vilamartín, Enrique Álvarez; e a alcaldesa de Petín, Raquel Bautista; así como o secretario provincial do PSdeG, Rafael Rodríguez Villarino, a deputada no Congreso Uxía Tizón, o deputado Adolfo Pérez Abellás, as parlamentarias Marina Ortega e Carmen Rodríguez Dacosta, o parlamentario Juan Carlos Francisco e o senador Miguel Bautista, entre outros responsables socialistas da comarca.

APOIO AO MUNICIPALISMO

Finalmente, Gonzalo Caballero fixo fincapé na necesidade de que a Xunta “dea fondos aos concellos” nun momento no que “ten máis cartos que nunca” polas transferencias que veñen do goberno de España para loitar contra a crise da covid.

Por iso, criticou que goberno galego “escatima e recorta recursos ao municipalismo”, e reclamoulle que libere as partidas dispoñibles para os gobernos locais, que son “os que resolven os problemas do día a día” da xente.

O alcalde, Alfredo García, agradeceu a visita de Caballero e valorou que o líder socialista sempre está a disposición das demandas de Valdeorras, a onde acudiu en múltiples ocasións. Ao respecto, o secretario xeral sinalou que coñece as necesidades de Valdeorras e que sempre será un aliado da xente desta bisbarra.