
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá en sesión telemática e presidida por Manuel Baltar, aprobou axudas por un total de 423.300 € para os ámbitos social, deportivo, educativo, cultural e de emprendemento da provincia de Ourense. En concreto, deu luz verde ás bases do concurso para a concesión de subvencións a proxectos sociais, dotado cun orzamento de 225.000 €, e tamén aprobou as bases do XVI Certame de Artes Plásticas; a concesión de achegas no marco do programa EmpredOU, e a aprobación de subvencións nos ámbitos deportivo, educativo e cultural por importe de 147.000 €.
Polo que respecta a servizos sociais, as bases reguladoras aprobadas hoxe establecen que poderán optar a estas achegas as aquelas organizacións, asociacións e fundacións que no presente ano poñan en marcha proxectos de carácter social sen ánimo de lucro. Ademais de primar as iniciativas dirixidas a colectivos de persoas que por diversas razóns sufran especiais dificultades e precisen atención específica, os proxectos presentados deberán referirse á cobertura de necesidades básicas, atención urxente, accesibilidade, mellora da calidade de vida e autonomía das persoas enfermas, ou minorar as desigualdades de reto demográfico. A subvención máxima para cada iniciativa será de 15.000 €.
A Xunta de Goberno tamén aprobou as bases do XVI Certame de Artes Plásticas, que promove e fomenta a creatividade entre os autores máis novos. O certame, no que poderán participar con ata dúas obras os artistas de entre 18 e 35 anos, está aberto ás modalidades de pintura, escultura, gravado ou calquera outro tipo de expresión artística, como por exemplo vídeo ou arte dixital, entre outras. A temática será de libre elección, admitíndose todo tipo de tendencia estética, técnica e material. Os traballos presentados optarán a premios de 3.000 €, 2.000 €, 1.000 €, e dous accésits de 500 € cada un. Ademais, a Deputación organizará unha exposición no mes de setembro cunha selección dos traballos, que serán recollidos tamén nun catálogo.
Outro dos asuntos da orde do día foi a resolución do concurso de subvencións para proxectos empresariais ou de autoemprego en concellos rurais en declive demográfico, no marco do proxecto EmprendOU, financiado polo programa de emprego xuvenil do Fondo Social Europeo. A resolución concede unha subvención mensual de 712 €, por un tempo máximo dun ano, para seis proxectos relacionados co ámbito deportivo, servizos persoais, mensaxería, arquitectura e hostalaría, que se desenvolverán no Irixo, Maceda (2), Celanova, Viana do Bolo e Amoeiro.
A Xunta de Goberno aprobou tamén achegas para: Asociación Deportivo-Cultural Ribeiro, 24.000 € para o fomento do deporte; Asociación de Pais e Nais de alumnos do Conservatorio de Verín, 30.000 € para a adquisición de instrumentos musicais; Agrupación Coral de Ruada, 26.000 € para gastos de funcionamento; a mesma cantidade e concepto para o Liceo de Ourense; para a Real Academia Galega, 25.000 € para financiar as súas actividades; e 16.000 € para a Festa da Saínza.
Apuntar por último unha modificación solicitada polo Concello de Vilar de Santos no referido ao Plan provincial de cooperación, no que pide a anulación das dúas obras previstas e a adhesión ao réxime especial para os concellos como consecuencia da pandemia, que permite destinar os 51.000 euros deste plan a outras necesidades. A orde do día complétase co aprobación dun expediente de expropiación forzosa para a execución do proxecto de acondicionamento da intersección entre as estradas provinciais OU-0210 e OU-0211 en Quintela de Leirado.
Trala Xunta de Goberno tivo lugar a reunión telemática do Comité de seguimento do COVID-19, na que se analizou a situación da pandemia e a modalidade de teletraballo que se desenvolve nos centros e instalacións da Deputación.