Sorprendido ‘in fraganti’ cando alimentaba pombas na Praza Maior do Carballiño

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Policía Local sorprendeu esta mañá a unha persoa na Praza Maior do Carballiño no mesmo intre no que estaba a alimentar con pan a un grupo de pombas, unha actividade que está totalmente prohibida ao abeiro da ordenanza municipal, actualmente en vigor, que regula as boas prácticas e limpeza viaria.

Esa persoa foi advertida polo cabo xefe da Policía Local, Francisco Valeiras, de que no caso de que sexa visto no futuro na mesma actitude pode ser multado en virtude da devandita ordenanza, que, no artigo 140 da Lei de Bases de Réxime Local contempla sancións de entre 750 a 3.000 euros para este tipo de infraccións.

Unha ordenanza que foi lembrada pola Área de Servizos Públicos e Benestar Comunitario do Concello do Carballiño, tra-la posta en marcha, a finais do pasado mes de agosto, dun plan para a erradicación das pombas no casco urbano. Así, este departamento municipal asinou un contrato cunha empresa especializada no control de plagas co obxectivo de facerlle fronte á problemática da proliferación de pombas en rúas e prazas da vila.

Dende esta Área que dirixe a concelleira Rosa Fuentes decidíuse tomar medidas de prevención ante a crecente poboación destas aves, que supoñen un problema sanitario tendo en conta as súas deposicións e a intromisión en espazos como tellados e balcóns e públicos como poden ser as terrazas dos establecementos de hostalería.

Concretamente, a empresa adxudicataria colocou unhas gaiolas con comida e auga para atraer as pombas naquelas áreas onde o Concello determine ou sexan obxecto de demanda por parte da veciñanza, recibindo para elo a asistencia técnica que sexa necesaria, de xeito que se levará a cabo unha recollida periódica das aves. O periodo de actuación extenderase a un prazo máximo de seis meses e suporá un investimento de 5.000 euros.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------